Benfica supera o Celta nos penaltis e leva o "XIX Torneo Internacional de Fútbol-7 Benxamín"
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Segue o dominio dos equipos portugueses no Torneo Internacional de Fútbol 7 Benxamín Cidade de Pontevedra. O Benfica leva esta XIX edición, sucedendo ao Sporting de Portugal no palmarés, ao impoñerse na final ao Real Club Celta de Vigo por penaltis, tras empatar (1-1) no tempo regulamentario.
Monte Porreiro, escenario obrigado desta edición, viviu por segundo día consecutivo unha xornada de festa con centenares de persoas seguidoras dos 16 equipos participantes, que puideron gozar do espectáculo brindado polas novas promesas do fútbol.
Se a xornada do sábado presentou algúns marcador avultados, a do domingo estivo presidida pola igualdade, tanto nas eliminatorias e partidos de clasificación, como nos choques finais, así, o Athletic Club de Bilbao alzábase co quinto posto impoñéndose nos lanzamentos de penalti, pola fórmula de morte súbita, ao club organizador, EF Portero 2000, que realizou un gran torneo obtendo a sexta praza.
En semifinais, o Benfica derrotaba ao seu directo rival, o Sporting de Portugal, impedindo con iso que os seus veciños revalidasen título, mentres o Celta gañaba con autoridade ao Sporting de Gijón.
Os dous Sporting loitaron polo terceiro e cuarto posto, con vitoria asturiana pola mínima, case no último suspiro, para dar paso á gran final entre Benfica e Celta.
Esa final comezou dunha forma trepidante. Aos dous minutos adiantábase o Benfica, grazas a un gol de Duarte Soares, pero apenas un minuto máis tarde respondía o Celta empatando cun disparo afastado de Jorge, xogador que o ano pasado formaba nas filas do Portero 2000 e que foi un dos grandes destacados do torneo.
OS PENALTIS DECIDIRON A FINAL
Con lixeiro dominio territorial do Celta, pero con precaucións defensivas por ambas as partes, os galegos non conseguiron concretar as súas ocasións para desnivelar o marcador ao seu favor, a pesar do seu dominio territorial, o que levou a que a final tivese que decidirse desde o punto de penalti e polo sistema de morte súbita, no que o primeiro que fallase resultaba derrotado, a igualdade de lanzamentos.
Só foi necesario o primeiro lanzamento, xa que o meta portugués Martín detivo o disparo de Fer, mentres Enzo Fortes batía a Borja, dando o título ao Benfica.
SL BENFICA (1): Martín; Mateos, Bernardo, Henrique, Enzo Fortes, Duarte Soares, Enzo Barros, Benxamín, Afonso Patrão, Joao Pedro, Guillerme Perera e Artúr.
REAL CLUB CELTA DE VIGO (1): Borja, Santi, Clau, Anxo, Adrián, Pablo, Denís, Fer, Ángel, Andrés, Varo, Jorge, Édgar e Bruno.
Árbitros: Alejandro Muñiz (Pontevedra), auxiliado nas bandas por Daniel García e Juan Carmuega, con Ismael González como cuarto árbitro.
Goles: (1-0) Minuto 2: Duarte Soares. (1-1) Minuto 3: Jorge.
ENTREGA DE PREMIOS
A Real Sociedad adxudícase o Trofeo á Deportividade
A entrega de trofeos estivo presidida pola Concelleira de deportes do Consello de Pontevedra, Anxos Riveiro, a quen acompañaba autoridades e personalidades do mundo do fútbol e de patrocinadores e colaboradores do torneo, de novo organizado de forma impecable, superando con nota alta os inconvenientes obrigados do cambio de escenario habitual, pola E.F. Portero 2000, quen decidiu outorgar o Trofeo á Deportividade á Real Sociedad de San Sebastián, que debutaba no torneo.
CADRO DE HONRA:
POSTO | EQUIPO |
CAMPIÓN | SL BENFICA |
SUBCAMPIÓN | REAL CLUB CELTA DE VIGO |
3º CLASIFICADO | REAL SPORTING DE GIJÓN |
DEPORTIVIDADE | REAL SOCIEDAD |
4º CLASIFICADO | SPORTING CLUBE PORTUGAL |
5º CLASIFICADO | ATHLETIC CLUB BILBAO |
6º CLASIFICADO | EF PORTERO 2000 |
7º CLASIFICADO | C VICTORIA SD |
8º CLASIFICADO | REAL SOCIEDAD |
9º CLASIFICADO | REAL VALLADOLID |
10º CLASIFICADO | RC DEPORTIVO A CORUÑA |
11º CLASIFICADO | URAL CF |
12º CLASIFICADO | PABELLÓN CF |
13º CLASIFICADO | AJ LÉREZ |
14º CLASIFICADO | COLEGIO HOGAR |
15º CLASIFICADO | PORTONOVO SD |
16º CLASIFICADO | AD SAGRADO CORAZÓN |
O cadro completo de partidos e resultados pódese consultar aquí.
Relacionadas:
-
O Torneo Internacional Benxamín de Fútbol-7 recupera A Xunqueira como sede na súa XX edición
Por Diego Espiño |
-
Suspendidos os partidos do torneo de futbol benxamín de Monte Porreiro
Por Diego Torrado & Ramiro Espiño |
-
Monte Porreiro goza coa primeira xornada do XIX Torneo Internacional de Fútbol-7 Benxamín
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Cambio de escenario pero mesma emoción para a fase final do Torneo Internacional de Fútbol Benxamín
Por Diego Espiño |
-
O torneo de fútbol-7 de Monte Porreiro desborda ilusión
Por Redacción & Diego Torrado |