Á décima non puido ser e o Caudal evita a "volta perfecta" do Pontevedra en Pasarón (0-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
A "volta perfecta" rompeu no último partido do ano en Pasarón. O Pontevedra, que levaba nove vitorias seguidas, estrelouse contra un Caudal Deportivo serio en defensa, que soubo marcar o ritmo que lle conviña, ata o punto de converterse no equipo ao que menos ocasións de gol puido crearlle o cadro local.
Certo que o Pontevedra, por xogadas de perigo mereceu e puido gañar, pero non acertou nesas apenas catro oportunidades claras, e o Caudal levou un punto que tampouco se pode considerar inmerecido, pola súa correcta lectura do xogo e perfecta execución dunha formulación baseada en manter o balón, aínda á conta de renunciar case por completo a chegar á área granate.
Pouco fútbol nun primeiro tempo marcado polas imprecisións e erros nos pases, sen un claro dominador. Comezou mellor o Pontevedra, que de feito dispuxo da primeira oportunidade clara nunha falta lateral que lanzou Mouriño e rematou de cabeza Bruno, obrigando a Busmann a empregarse a fondo para mandar o balón a corner.
Despois os granates fóronse diluíndo no seu dominio inicial, un tanto perdidos na superioridade que acumulaba o equipo asturiano na zona ancha, dúas liñas defensivas moi compactas, tres centrais e dous carrileros que apenas se proxectaban, e catro centrocampistas que superaban en número aos locais, con Gonzalo e Abel para tentar construír, pero David Añón e especialmente Mouriño, caído á banda esquerda, que apenas participaba.
A consecuencia foi que, sen crear perigo nin disparar a porta máis que unha vez, de lonxe e fóra, o Caudal gañaba terreo, conseguindo defender lonxe da súa área.
Así foron pasando os minutos ata que superada a media hora o Pontevedra deu un pequeno paso adiante, puxo algo máis de velocidade na circulación de pelota e puido sacar proveito. Avisaría Abel, cun disparo desde a frontal que se foi arriba, aínda que a mellor ocasión de longo chegou nunha excelente xogada iniciada polo mesmo Abel, que Mario Barco prolongou metendo un gran balón ás costas da defensa, onde Mateu apareceu só, pero estrelou o remate nos pés do meta asturiano.
O descanso chegou como un alivio para os visitantes, que empezaban a sufrir ante o empuxe local. E seguiron sufrindo ao comezo da segunda parte, pero durante pouco tempo. Luisito buscou maior profundidade pola banda e deu entrada a Álex González, que achegou velocidade e desborde, pero non era o día. Os seus compañeiros enseguida volveron ao ton gris, lento e apagado de case todo o partido, permitindo que os asturianos volvesen respirar, non sen un susto nunha volea de Mario Barco, á saída dun corner, que saíu alta.
Logo pouco menos que nada. O Caudal manexábase con soltura atrás, pero as súas incursións en terreo hostil eran anecdóticas, fiando a súa sorte a manter o portal a cero, algunha acción illada a balón parado e á falta de inspiración granate. Todo lles saíu ben, agás que converteron a Edu nun mero espectador que non recibiu nin un só disparo entre os tres paus, ou mellor, un, pero anulado por fóra de xogo previo.
Incapaz de impoñer un ritmo alto, o Pontevedra foi caendo na rede tecida por Iván Ania, que cos seus tres centrais soubo tapar os centros laterais e apenas permitiu opcións de remate a Mario Barco e Mateu. Nin sequera cando entrou Jacobo para tentar enganchar cos puntas, cambiando de sistema, o Caudal pasou apuros serios.
Así foron discorrendo os minutos, cos asturianos botando man do "outro" fútbol, sen sobresaltos, ata unha última oportunidade para facer saltar a muralla astur. Sería a falta de dous minutos nun balón de Abel para Miki, substituto de David Añón, lesionado, que tapou perfectamente o meta Busmann.
O resto queda para a historia. 28 puntos de 30 posibles en Pasarón son sinónimo dunha primeira volta sensacional que non pode embazar un pequeno borrón, aínda que deixe un certo resaibo amargo antes das vacacións do Nadal.
PONTEVEDRA CF (0): Edu; Miguel, Jacobo Trigo, Bruno, Bonilla; David Añón (Miki, minuto 83), Gonzalo, Abel, Mouriño (Álex González, minuto 46); Mateu (Jacobo, minuto 70) e Mario Barco.
CAUDAL DEPORTIVO (0): Busmann; Pelayo (Iván, minuto 56), Cristian, Alberto, Colo, Noel Alonso; Jaime, David, Richard, Javi Sánchez (Anunciata, minuto 82); e Braulio (Rony, minuto 76).
Árbitro: Alfonso Vicente Moral (Castela-León), auxiliado nas bandas por Javier Gómez Gago e Marcos Sánchez Polo. Amoestou a Miguel, Mouriño e Mario Barco, polo Pontevedra, e a Pelayo, Javi Sánchez, Iván, David e Colo, polo Caudal Deportivo.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón. Uns 3.000 espectadores. Gardouse un minuto de silencio en memoria do presidente do Racing de Ferrol, Isidro Silveira Cameselle.
Relacionadas:
-
Os xogadores do Pontevedra empezan a baixar o turrón
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra disputará un amigable ante o Compostela para preparar a súa volta á competición
Por Redacción |
-
Acudir ou non ao mercado de fichaxes, velaí a cuestión
Por Diego Espiño |
-
Os excesos en Nadal teñen castigo no Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Ante o Caudal, a pechar a primeira volta con pleno de vitorias na casa
Por Diego Espiño |
-
O gol non só é cousa de Mario Barco
Por Diego Espiño |
-
Pisa firme o Pontevedra que non dá opción á Arandina e volve gañar a domicilio (0-2)
Por Redacción |