Exercicio de solidez do Pontevedra para sumar en Tudela o seu primeiro triunfo fóra (0-1)
Por Redacción
Á sexta foi ao fin a vencida. O Pontevedra acabou en Tudela (0-1) co seu maleficio a domicilio para sumar a súa primeira vitoria da tempada lonxe de Pasarón.
Tres puntos que consolidan aos granates na cuarta posición da clasificación pero que tiveron que gañar con suor, aguantando o asedio dos navarros durante a segunda metade.
Saíu o Pontevedra con cambios no once, ao que regresaba Mario Barco e no que entraban homes como Álex Fernández, Gonzalo, Capi ou Abel coa intención de repartir minutos nunha semana con tres choques ligueiros. Ademais apostou Luisito por xogar con tres centrais atrasando a Kevin xunto a Capi e Bruno na liña defensiva.
O encontro no Ciudad de Tudela arrincou igualado, con minutos de tenteo entre ambos os equipos. Dominaban timidamente o locais pero o que avisou primeiro foi o Pontevedra nunha acción de estratexia.
Óscar Vega respondeu obrigando a intervir a Edu, no que foi o preludio do gol granate. Aos 17 minutos Mario Barco aproveitou un descoido defensivo e logrou bater, tras un rexeite, a Pagola para poñer en vantaxe aos granates.
O gol reforzou aos de Luisito, que deixaban levar o peso do choque aos locais á espera da súa oportunidade para volver golpear. Mentres iso non sucedía o bo traballo defensivo encargábase de evitar o perigo, e cando iso non sucedía, Edu mostrábase seguro.
Así se chegou ao descanso, e na continuación o partido cambiou. O Tudelano introduciu cambios e deu un paso á fronte para buscar a igualada facendo sufrir por momentos aos granates.
Pasou os seus peores minutos o Pontevedra, cun balón ao pau de Ros no 52 e un tanto anulado a Chema Mato por fóra de xogo, pero aos poucos os de Luisito recuperáronse, apertaron os dentes e mostraron a súa versión máis sólida para aguantar os envites locais. Así foi correndo o cronómetro ata cumprirse o tempo regulamentario para satisfacción dun plantel pontevedrés que o celebrou con merecemento e quitou un peso de enriba.
Misión cumprida, a de lograr gañar a domicilio, para un Pontevedra que o vindeiro domingo (17:00 horas) recibirá no Estadio Municipal de Pasarón á Sociedad Deportiva Ponferradina.
CD TUDELANO (0): Pagola, Delgado, Lalaguna, Lázaro, Corral, Ros (Meseguer, min.80), Lizarraga (Aser Alves, min.46), Chema Mato, Ion Vélez, Ibai Ardanaz, Óscar Vega (Iñaki, min.50).
PONTEVEDRA CF (1): Edu, Miguel, Bonilla, Bruno, Capi, Kevin, Gonzalo (Jacobo Trigo, min.54), Álex Fernández (Álex González, min.66), Mario Barco, Mateu Ferrer (Añón, min.56), Abel.
Árbitro: Rubén Ávalos Barrera, auxiliado en las bandas por Mira García y Godia Sole (Cataluña). Amoestaron a Lázaro no Tudelano e a Bonilla, Capi, Álex Fernández, Abel, Bruno, Mario Barco, Miguel e Álex González no Pontevedra.
Goles: 0-1 Mario Barco (min.17).
Incidencias: Partido disputado no Estadio Municipal Ciudad de Tudela ante preto de 300 espectadores.
Relacionadas:
-
Un dilema no lateral zurdo
Por Diego Espiño |
-
Dous días de merecido descanso tras unha semana redonda
Por Diego Espiño |
-
Golpe de autoridade dun sólido Pontevedra (2-0) ante a Ponferradina
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Duelo de xeiras positivas en Pasarón nun partido de altos voos entre Pontevedra e Ponferradina
Por Diego Espiño |
-
Abel Suárez será baixa ante a Ponferradina por sanción
Por Diego Espiño |
-
A afección da Ponferradina mobilízase para estar en Pasarón
Por Redacción |
-
Tudela, nova opción do Pontevedra para estrearse fóra da casa
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
Remonta o Pontevedra fronte a Osasuna B (3-1) para manter intacto o fortín de Pasarón
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |