"Feliz" primeira experiencia de Saleta Castro no Ironman de Hawaii
Por Diego Espiño
Saleta Castro cumpriu o seu soño. Xa pode presumir de completar o prestixioso Ironman de Hawaii na categoría profesional.
A deportista pontevedresa chegaba ao Campionato do Mundo Ironman consciente do gran nivel competitivo nunha proba na que só compiten as mellores 40 triatletas da tempada e buscaba, no seu debut en Kona, gozar da carreira e tentar terminar no mellor posto posible.
E vaia se o conseguiu. Saleta concluíu a carreira no posto 32, cun tempo de 10 horas, 17 minutos e 50 segundos, por diante da outra española da proba, Gurutze Frades (33ª), e tras unha notable remontada no maratón final.
Antes completara os 3,8 quilómetros de natación na décimo sexta praza, a 5:24 da líder, a suíza Daniela Ryf, que esmagou ás súas rivais desde o inicio para asinar o mellor rexistro feminino da historia en Hawaii (8:46:46).
Nos 180 quilómetros de ciclismo foi onde máis sufriu a pontevedresa, caendo ata a posición 40, pero se esta afacendo remontar posicións na carreira a pé cun bo ritmo por quilómetro que lle fixo subir ata o posto 32 na liña de meta.
Saleta, a través das redes sociais, declarou nada máis concluír o Ironman de Hawaii sentirse "muy cansada pero feliz", e tras cumprir o soño polo que tanto pelexou xa pensa en volver tentalo o próximo ano.
Muy cansada pero FELIZ!!! Un sueño cumplido ahora a por otro. Muchas gracias a todos!! https://t.co/TQdqGxEhjh
— Saleta Castro (@Saletacastro) 9 de octubre de 2016
O podio feminino en Hawaii completárono Mirinda Carfrae na segunda posición e Heather Jackson na terceira. Pola súa banda na categoría masculina o vencedor foi o alemán Jan Frodeno, co galego Iván Raña remontando ata unha meritoria novena praza.
Relacionadas:
-
Saleta Castro ficha por un equipo belga
Por Redacción |
-
Saleta Castro, deportista 'non grata' no CGTD
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
O soño de Saleta Castro faise realidade en Hawaii
Por Diego Espiño |
-
Ironman faino oficial, Saleta Castro clasificada para o Mundial de Hawaii
Por Redacción |
-
Saleta Castro acaba en cuarta posición o Ironman 70.3 de Dublín
Por Diego Espiño |
-
Saleta Castro, segunda no Ironman de Maastricht, a un paso do mundial de Hawaii
Por Ramiro Espiño |