O Teucro salva o seu mal partido aproveitando a debilidade dun frouxo Tolosa (29-20)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Nin os erros propios, que os houbo en abundancia, nin os acertos do contrario, máis ben escasos, puideron evitar a vitoria do Teucro sobre o Tolosa, nun partido no que os teucristas deben agradecer a debilidade do equipo vasco para non ter que lamentar unha sorpresa e das gordas, tras un mal partido dos de Quique Domínguez.
O sucedido na primeira parte, polo menos nos primeiros 20 minutos, foi unha desafortunada colección de erros, tanto en defensa como en ataque, remediados nun arranque de xenio antes do descanso e solucionados definitivamente na segunda parte, máis por acertos individuais que por xogo colectivo.
O Teucro deixou unha preocupante sensación, ante un rival limitado tecnicamente, que puxo vontade mentres lle durou a gasolina, pero que se lle apagaron definitivamente as luces cando os locais, sostidos polos seus extremos Carlos García e Ángel Iglesias, e fundamentalmente por Dani Hernández, que se botou ao equipo ás súas costas, púxose a defender cunha mínima intensidade. Iso e os contragolpes levaron o marcador a un triunfo xusto, pero cunha diferenza enganosa conseguida na recta final.
A primeira parte, ou polo menos os seus 20 minutos iniciais, foi para esquecer. Erros nos pases, na recepción, no lanzamento, falta de intensidade defensiva. Todo en moi pouco tempo, para que o Tolosa mandase cunha máxima vantaxe de catro goles (4-8) aos 17 minutos de xogo, e despois de que o Teucro estivese case 11 minutos sen anotar.
Quique Domínguez movía o banco buscando solucións que non chegaban, ata que Dani Hernández botouse o equipo ás costas e os azuis facían un parcial de 6-0 en pouco máis de seis minutos para pasar do 6-9 ao 12-9, tomando por fin as rendas do partido e retirándose a vestiarios por diante (12-10).
Salváronse os mobles, pero a imaxe non fora boa, preocupando á afección local, que tampouco atopou melloría na continuación. O Teucro mantivo unha diferenza de tres goles, pero sen conseguir despegarse definitivamente, ata que decidiu defender e correr ao contraataque. Para iso houbo que esperar ao último cuarto de partido. O Tolosa non puido máis. Santana achegou en portería e Ángel Iglesias con Dani Hernández apontoaron un triunfo xusto pero enganoso polo avultado.
SD TEUCRO (29): Jorge García Lloria; Johnny Medina (1), Iván Fernández, Román Pedreira, Sergio Altirriba, Dani Hernández (6), Manuel Ángel Iglesias (8) -sete inicial-, Santana (p.s.); García Pichel (3), Óscar Silva, Quintas, Borja Méndez (2), Samu Gómez (3), Carlos García (6, 2 de penalti), Saúl Campo e Aarón Ledo.
TOLOSA C.F. ESKUBALOIA (20): Urtzi; Aitortxo, Zulu (4), Díaz de Cerio (4, 2 de penalti), Íker (3), Larra (1), Lánder (6) -sete inicial-, Estanis (p.s.), Julen, Arra, Zubi, Aitor, Míkel (2), Andoni e Dani.
Árbitros: Josep Millán Cazorla e Jordi Quintanar Manzano (Cataluña). Excluíron dous minutos a Johnny Medina (2), Quintas (2) e Óscar Silva, polo Teucro, e a Estanis e Lánder (2), polo Tolosa.
Marcador (cada cinco minutos): 1-4, 4-5, 4-6, 4-8, 9-9, 12-10 (descanso), 15-12, 16-14, 20-17, 22-17, 26-19 e 29-20 (final).
Incidencias: Pavillón de Príncipe Felipe (Pontevedra). 535 espectadores.
Relacionadas:
-
Terceiro triunfo nunha semana do Teucro ao vencer nun cómodo partido ao Nava (29-23)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
O Teucro regresa ante o Nava a un Pavillón Municipal que "ha quedado precioso"
Por Diego Espiño |
-
O Teucro progresa adecuadamente e logra en Torrelavega o seu primeiro triunfo fóra (24-28)
Por Redacción |
-
Sen apenas descanso o Teucro afronta unha difícil saída a Torrelavega
Por Redacción |
-
O Teucro, sen confianzas ante o Tolosa no seu último partido no exilio de Príncipe Felipe
Por Diego Espiño |
-
O Teucro reacciona na segunda parte para gañar en Zarautz (19-24) e seguir adiante na copa
Por Redacción |
-
Quique Domínguez aposta pola Copa do Rei: "Es una competición que me gusta mucho"
Por Diego Espiño |
-
Edu Moledo, baixa sensible para o Teucro na Copa do Rei
Por Redacción |