O Pontevedra pasa de poder golear a terminar pedindo a hora fronte ao Palencia (2-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Fútbol é fútbol, que diría o clásico. O Pontevedra puido e mereceu golear o Palencia, pero terminou pedindo a hora como consecuencia da súa falta de acerto no remate, perdoando innumerables ocasións de marcar, despois de quedar en inferioridade numérica a falta de 20 minutos por expulsión de Jacobo Trigo. Os granates mereceron moito máis, pero deberon e souberon sufrir tirando de oficio para sumar os tres puntos.
Sorprendeu Luisito co sistema táctico que utilizou de saída. Consciente quizais de que o Palencia cedería o campo e a pelota aos granates, dispuxo un 3-4-1-2, con Kevin Presa como terceiro central, xunto a Jacobo Trigo e Capi, e subindo aos laterais Miguel e Bonilla ao centro do campo, con todo o carril á súa disposición. De construír xogo encargábanse Álex Fernández e Abel, mentres Jacobo facía de enganche cos dous dianteiros, Añón e Mario Barco. A aposta saíu case perfecta. De que non o fose do todo a culpa foi exclusivamente da falta de puntería ante a meta rival.
O dominio local foi tan abafador (ata nove saques de esquina chegou a lanzar o Pontevedra), que a ninguén estrañase que o partido estivese resolto, e por goleada, nos primeiros 45 minutos. Con todo a punto estivo o Palencia de conseguir marcharse ao descanso sen sufrir males maiores, grazas á actuación do seu porteiro Alejandro, que as parou de todas as cores.
Tres chegadas con perigo no primeiros cinco minutos foi o aviso do que logo sucedería. Á cuarta, Jacobo perdoou e Alejandro luciuse mandando a corner (minuto 6).
Logo sería a quenda para David Añón. Mandouna alta a menos de catro metros de portería. O Pontevedra chegaba e o partido só tiña unha cor, o granate, ante un Palencia sen fútbol nin ambición, que se limitaba a defenderse como podía, non pasando case a liña central do campo.
De novo Jacobo puido marcar nunha ocasión clarísima (minuto 36). Outra vez Alejandro evitouno voando para sacar o balón da mesma escuadra e mandalo a corner.
Pero cando parecía que a solución habería que buscala na segunda parte, o Palencia pagou caro o seu único achegamento á área de Edu e o erro arbitral que lle concedeu unha falta lateral inexistente supostamente cometida por Capi (minuto 43). O lanzamento da mesma foi detido sen problemas por Edu, que iniciou unha rapidísima contra con Kevin Presa e Álex Fernández como protagonistas. Este último foi o encargado de finalizar cun disparo que rexeitou como puido Alejandro, deixando o balón aos pés de David Añón, que seguía a xogada, e que só tivo que empuxar a porta baleira, para facer unha mínima xustiza ao visto na primeira metade.
Pero o sucedido na segunda parte foi diferente e ten difícil explicación. Un pouco de maior ambición palentina, combinada co exceso de confianza granate, transformou un partido decidido nun sinvivir para a parroquia local, que llas prometía moi felices, cunha tarde tranquila como poucas.
Primeiro o Pontevedra ampliou diferenzas (minuto 57) nun soberbio centro de Álex Fernández, que rematou non menos ben Mario Barco arroxándose de cabeza para poñer o balón xunto á cepa do poste. Un sensacional gol.
Aí o Pontevedra viuno tan facíl e feito que non mediu adecuadamente os riscos e seguiu sen sentenciar definitivamente, con outro rosario de ocasións desperdiciadas. Ata que un balón directo, ás costas dos centrais pontevedreses, lévao Zapata. Cando encaraba a Edu é empuxado por Jacobo Trigo, sinalando o árbitro penalti e expulsando con vermella directa ao xogador local. Diego Torres reducía diferenzas e levaba o suspense á bancada.
Quedaban pouco máis de 20 minutos e ía tocar sufrir. Edu, ata entón inédito, tivo traballo que resolveu con acerto. O Palencia botouse arriba e chegaba con frecuencia, aínda que de novo sería o Pontevedra quen tivese a máis clara. Alejandro apareceu unha vez máis, para salvar o terceiro, en remates de Mouriño e especialmente de Mateu, que a pracer, mandou o balón ao centro (minuto 84).
Despois os de Luisito tirarían de oficio, durmindo o partido e sumando unha vitoria agónica, nun partido que debía ser de goleada cómoda.
PONTEVEDRA CF (2): Edu; Jacobo Trigo, Capi, Kevin Presa; Miguel Loureiro, Álex Fernández, Abel, Bonilla; Jacobo (Mateu, minuto 60); David Añón (Mouriño, minuto 68) e Mario Barco (Álex González, minuto 80).
CD PALENCIA (1): Alejandro; Segura (Durantez, minuto 62), Nico, Inestal, Asier; Iván Zarandona; Xavi Moré, Ibán (Zapata, minuto 55), Chuchi, Rodri; e Diego Torres.
Árbitro: Carlos Fernández Buergo (Asturias), auxiliado nas bandas por Eduardo Suero Rodríguez e David Fernández Martínez. Expulsou con vermella directa a xogador do Pontevedra Jacobo Trigo (minuto 71). Amoestou a Capi, polo Pontevedra, e a Asier, polo Palencia.
Goles: (1-0) Minuto 43: David Añón. (2-0) Minuto 57: Mario Barco. (2-1) Minuto 72: Diego Torres, de penalti.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 2.500 espectadores. Os xogadores do Pontevedra saltaron ao terreo de xogo cunhas camisetas nas que se lía "Ánimo Íker", de apoio ao seu compañeiro Íker Alegre, gravemente lesionado no xeonllo no partido da xornada anterior en Santander, fronte ao Real Racing. Gardouse un minuto de silencio por Cristóbal García Cea, irmán do xogador granate Gonzalo, falecido esta semana.
Relacionadas:
-
Tres puntos para reengancharse ao vagón dianteiro
Por Ramiro Espiño |
-
Íker Alegre operado con éxito
Por Ramiro Espiño |
-
Saída complicada para o Pontevedra ante un ambicioso Celta B
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra segue adiante na Copa Federación ao vencer con autoridade ao Ribadumia (1-3)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Iker Alegre xa pensa en acurtar prazos na súa recuperación
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra, a recuperar o paso na visita do recentemente ascendido Palencia
Por Diego Espiño |
-
Iker Alegre estará "entre seis e oito meses" de baixa ao confirmarse que sofre unha grave lesión de xeonllo
Por Diego Espiño |
-
Palencia, un partido especial para Luisito
Por Diego Espiño |