A Selección Española Sub-21 xogará o 10 de outubro en Pasarón
Por Redacción
O Estadio Municipal de Pasarón volverá acoller un partido internacional, concretamente o último e decisivo encontro da fase de clasificación para o Campionato de Europa Sub-21.
Estonia será o rival da Selección Española Sub-21 nun partido que se fixou para o luns 10 de outubro ás 18:45 horas.
Así o confirmou este mércores a Federación Galega de Fútbol, tras recibir a notificación pertinente da Real Federación Española de Fútbol concedéndolle o encontro. A elección de Pasarón débese, sinalan, ás súas "idóneas condicións e despois de ser aprobada polos responsables técnicos da RFEF, incluído o propio seleccionador", contando ademais coa aprobación do Concello e do Pontevedra Club de Fútbol.
A selección sub-21, adestrada por Albert Celades, necesita gañar os dous partidos que restan da clasificación (o 5 de outubro ante San Marino e o 10 ante Estonia) para ter opcións de finalizar primeiros de grupo ou na súa falta ser segundos e acudir á repesca.
A falta de que se desvele a convocatoria oficial, en Pasarón poderían xogar grandes nomes do fútbol internacional que son habituais na Selección Española Sub-21, como Héctor Bellerín (Arsenal), Oliver Torres (Oporto), Denís Suárez (FC Barcelona), Saúl (Atlético de Madrid), Mikel Merino (Borussia Dortmund), Pau López (Tottenham), Iñaki Williams (Athletic Club), Deulofeu (Everton), Gayá (Valencia), Munir (Valencia) ou Santi Mina (Valencia), entre outros.
Relacionadas:
-
Asensio, Denis Suárez ou Williams, convocatoria de luxo da Sub-21 para o seu partido en Pasarón
Por Redacción |
-
O decisivo España-Estonia Sub 21 inicia a semana de actos do 75 aniversario do Pontevedra
Por Ramiro Espiño |
-
Obxectivo "llenar Pasarón" no partido da Selección Española Sub-21
Por Diego Espiño |