Un mal día na oficina do Pontevedra cústalle a derrota en Santander (2-0) ante o Real Racing
Por Redacción
Mal resultado, pero peores sensacións. Podería ser o resumo dun partido no que ao Pontevedra case todo lle saíu mal, incluída a lesión de Íker Alegre, que tivo que ser retirado en padiola antes de finalizar a primeira metade. Os granates non tiveron o seu día e resultaron derrotados con xustiza polo actual campión de liga e un dos favoritos na loita polo ascenso.
Superioridade do Real Racing Club, que non necesitou sequera facer un gran partido. Os cántabros fixeron da presión sobre a saída de balón dos de Luisito a súa arma para superar ao cadro galego, e víronse beneficiados dun erro defensivo visitante, que permitiu o temperán gol de Coulibaly, marcando o desenvolvemento do partido.
Minutos de tenteo, con tímidas aproximacións ás áreas sen maior perigo, ata que dun balón longo, sen aparente perigo, nace ese gol, ao aproveitar Coulibaly un mal despexe de Jacobo Trigo, que deixa o coiro morto na frontal da área, para empalmar un gran disparo que pon o balón na mesma escuadra, sen que Edu poida facer nada.
O gol desconcertou ao Pontevedra, que tardou en superar o mazazo. A pesar de dispoñer de superioridade numérica na zona central do campo, os visitantes víanse superados por un Racing ordenado e que apenas lles permitía superar a liña divisoria. A consecuencia foi que a defensa granate sufría, ao non contar co apoio dos seus homes de arriba nese traballo de contención.
Liñas demasiado separadas e un Racing que buscaba con insistencia ao seu goleador, para aproveitar a súa velocidade ante os centrais rivais, pero sen traducir en ocasións esa superioridade.
Ata preto da media hora o Pontevedra non reaccionou. Antes só un tímido disparo de Abel desde a frontal, que detivo sen problemas Iván Crespo. Antes de que Luisito decidise que, como non lle gustaba o que estaba a ver, había que mover ficha. Retirou do campo ao central Portela, que recibira cartón, para dar entrada a Mateu e cambiar de sistema, pasando do 4-3-3 ao 4-4-2. Con iso os galegos melloraron e comezaron a ter un pouco máis de chegada.
Bonilla puxo un bo centro que non atopou rematador e Miguel fixo o mesmo, neste caso con intervención do porteiro local, mandando o balón a corner.
Pero as malas noticias para os granates non terminaran e no último minuto antes do descanso, tentando chegar a un balón, caía lesionado Íker Alegre, que tivo que abandonar o campo en padiola, con visibles xestos de dor e toda a aparencia de sufrir unha grave lesión no seu xeonllo. Álex González entraba por el e Luisito vía ao seu equipo por baixo e con dous cambios consumidos.
Pero se había algunha esperanza de cambiar o signo do partido, esfumouse pronto ao regreso de vestiarios. cando Héber Pena encarou a Miguel Villaverde e foi derrubado dentro da área visitante por David Añón, nunha acción cando menos imprudente. Dani Aquino transformou, o penalti que non dubidou en sinalar o colexiado, a pesar de que Edu adiviñou a dirección do lanzamento e chegou a tocar o balón.
Os visitantes, obrigados a reaccionar, aceptaron un perigoso intercambio de golpes no que calquera podía marcar. Froito deste risco chegaba a mellor ocasión galega, cun disparo de David Añón, preto da hora de partido, que obrigou a Iván Crespo a empregarse a fondo para evitar o gol.
Pouco despois, unha falta de entendemento entre Mario Barco e Mateu evitou que os atacantes granates puidesen recortar diferenzas.
A resposta do Racing chegaba nunha penetración de Coulibaly, con pase atrás ao que non chegou Dani Aquino.
Luisito queimou as súas opcións dando entrada a Jacobo por David Añón, pero todo resultou inútil, a pesar de que o Pontevedra polo menos seguiu loitando con dignidade e dispuxo de varias ocasións para polo menos reducir diferenzas, como nun disparo de Bonilla que Iván Crespo mandou á esquina, cunha gran intervención.
Co Racing buscando descaradamente sentenciar á contra, sen conseguilo, e o Pontevedra buscando sen fortuna nin acerto a portería cántabra, chegouse ao final sen máis tempo que para asistir ao debut e os primeiros minutos como xogador do Real Racing de Laro, fillo dun histórico xogador cántabro como Quique Setién, actual adestrador da UD Las Palmas.
REAL RACING CLUB (2): Iván Crespo; David Córcoles, Samuel Llorca, Mikel Santamaría, Julen Castañeda; César Díaz (Óscar Fernández, minuto 73), Sergio Ruiz, Borja Granero, Héber Pena (Laro, minuto 80); Coulibaly (Caye Quintana, minuto 69) e Dani Aquino.
PONTEVEDRA CF (0): Edu; Miguel Loureiro, Jacobo Trigo, Portela (Mateu, minuto 29), Bonilla; Kevin Presa, Álex Fernández, Abel; Íker Alegre (Álex González, minuto 45), Mario Barco e David Añón (Jacobo, minuto 66).
Árbitro: Xabier Gómez Landazábal (Vasco), auxiliado nas bandas por Javier Marrón Rodríguez e Ekaitz García Arriola. Amoestou a Samuel Llorca, polo Racing, e a Portela, Abel e Mario Barco, polo Pontevedra.
Goles: (1-0) Minuto 9: Coulibaly. (2-0) Minuto 51: Dani Aquino, de penalti.
Incidencias: Campos de Sport do Sardinero (Santander). 6.252 afeccionados, notándose un pequena pero animosa presenza de seguidores galegos.
Relacionadas:
-
O Pontevedra, a recuperar o paso na visita do recentemente ascendido Palencia
Por Diego Espiño |
-
Iker Alegre estará "entre seis e oito meses" de baixa ao confirmarse que sofre unha grave lesión de xeonllo
Por Diego Espiño |
-
Palencia, un partido especial para Luisito
Por Diego Espiño |
-
Preocupación ante a nova lesión de xeonllo de Iker Alegre
Por Diego Espiño |
-
A repetir xesta no Sardinero
Por Ramiro Espiño |
-
O partido do Pontevedra no Sardinero será televisado a través da web do Racing
Por Redacción |
-
Plácido triunfo do Pontevedra ante o Alondras en Copa Federación
Por Diego Espiño |
-
O Racing presenta ao seu novo dianteiro antes de recibir ao Pontevedra
Por Redacción |