O xadrez pontevedrés bótase á rúa
Por Redacción
Preto de 700 xogadores, chegados de toda Galicia e tamén do norte de Potugal, reuniranse en Pontevedra durante unha fin de semana de xadrez.
A Praza de España acollerá este venres unha nova edición de Xadrez na Rúa e o sábado a sétima edición do torneo Pontexadrez, competición que se sitúa como das máis numerosas de España ao aire libre.
O "festival" organizado pola Escola Xadrez Pontevedra iniciarase o venres, de 11:00 a 13:15 horas, coas actividades do Xadrez na Rúa, dirixidas a escolares e nas que participarán alumnos do CEP Campolongo, CEIP Vidal Portela, CEIP Xunqueira II e Colexio San José.
Para o sábado quedará o VII Pontexadrez, que pasa por ser ademais parte do Circuíto Galego Escolar, un torneo que se disputará desde a categoría sub-8 ata a absoluta con sete roldas de competición desde as 11:00 ata as 18:30 horas.
Todas as actividades manteranse aínda que o tempo non acompañe nunha carpa que será instalada pola organización.
Como en pasada edicións, ambas as citas terán tamén un compoñente solidario recadando alimentos que serán doados ao Comedor Social de San Francisco.