Espectacular peche de festa do tríatlon co Campionato de España por Remudas
Por Diego Espiño & Diego Torrado
O bo tempo sumouse este domingo á festa do tríatlon na cidade permitindo un espectacular peche de competición na contorna da ponte dos Tirantes.
O Campionato de España por Remudas congregou a grande números de deportistas, acompañantes e afeccionados ao deporte ao bordo do río Lérez, para gozar dunha competición na que os equipos contaban con tres deportistas, completando cada un deles un tríatlon reducido de 250 metros de natación, 6 quilómetros de ciclismo e 1,6 quilómetros de carreira a pé.
Na proba elite masculina revalidou o título, con autoridade, o Universidad de Alicante, cun equipo composto por Cesc Godoy, Roberto Sánchez e Jesús Gomar. Segundo nunha dura pugna foi o Arcade Inforhouse Santiago, remontando desde a quinta posición con Antón Ruanova na última remuda, mentres o Fasttriatlón foi terceiro.
En categoría elite feminina impúxose o Diablillos de Rivas (Xisca Tous, Ibone Sánchez Garmendia e Paula García Godino) nunha emocionante carreira na que o Fasttriatlón foi segundo e o Tríatlon Ferrol completou o podio na terceira posición.
Antes de todo iso, o Club Tríatlon Motobike Galaico de Pontevedra conseguía unha brillante terceira posición na categoría escolar feminina, na que as campioas foron as deportistas do Cidade de Lugo Fluvial, mentres o AD Sevilla Bikila impúxose na categoría escolar masculina.
Pola súa banda, na categoría open masculina e feminina os vencedores foron Diablillos de Rivas e Cidade de Lugo fluvial respectivamente.
Relacionadas:
-
16 anos de aposta polo tríatlon
Por Diego Espiño |
-
O Casino Mercantil súmase ao tríatlon
Por Redacción |
-
Que viva o tríatlon!
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Debut especial para o Motobike Galaico na Copa do Rei de tríatlon
Por Redacción |
-
Inscrición de "gran nivel" para a Copa do Rei e da Raíña de tríatlon
Por Diego Espiño |