O filial do Teucro ascende á Primeira Nacional
Por Redacción
Tíñao todo de fronte tras o seu triunfo o sábado no segundo partido da fase de ascenso, pero o filial do Teucro, o Teucro Asegrup, tivo que esperar a este domingo para certificar o ascenso á Primeira Nacional.
O conxunto azul, tras gañar na primeira xornada do sector, impúxose o sábado ao outro favorito, o San Sebastián de los Reyes nun trepidante final (26-25). Só unha avultada derrota e un resultado adverso no outro partido do grupo podía deixar aos pontevedreses sen premio, pero os de Luís Montes non deron opción a cábalas este domingo completando un torneo inmaculado.
O filial gañou (18-16) ao Villa de Luanco para facerse co primeiro posto do sector de ascenso. Acompañaralle no salto de categoría o SS de los Reyes que gañou no último encontro ao Tierra de Barros (33-14).
Obxectivo cumprido cun ascenso que reforza a aposta do Teucro por formar xogadores e nutrir con eles ao primeiro equipo.
Non tivo a mesma sorte o equipo feminino, Teucro Pescamar, que o sábado empatou ante o Tierra de Barros e este domingo pechou a fase de ascenso á División de Honra Prata contra o equipo campión do grupo, o San Sebastián de los Reyes, ante o que perdeu por 15-36.