O novo horizonte portugués do Supermercados Froiz
Por Redacción
Aínda non empezou oficialmente a tempada nacional elite e sub-23 e os ciclistas afánanse aínda en coller a forma, pero o Grupo Deportivo Supermercados Froiz xa ten definido as grandes liñas do seu calendario competitivo para 2016, no que Portugal gañará protagonismo.
"Ante a falta de probas aquí debemos buscar novos horizontes e Portugal ofréceos", recoñece o director do equipo ciclista, Evaristo Portela, tras incorporar a dous corredores lusos que terán un peso considerable nos plans da escuadra.
Ademais "o noso patrocinador principal ten intereses comerciais nese país e para nós é importante", explica Portela.
Trátase de João Carlos Araújo, un ciclista rápido e chegador, e Renato Macedo, escalador e chamado a ser un dos homes fortes do Froiz. O primeiro deles procede dun equipo profesional, o Quinta da Lixa no que militaron nos últimos anos galegos como Gustavo César Veloso ou Álex Marque, mentres Renato militou a pasada campaña no Anicolor.
Precisamente Araújo estreou a tempada a pasada fin de semana conseguindo a primeira medalla do ano para o Froiz, un bronce no Campionato de Portugal de Ciclismo en Pista, na proba de persecución individual.
Pola súa banda, outro dos pesos pesados da escuadra pontevedresa, José Luis Mariño, estará concentrado en México ata o mes de abril, onde ten previsto competir con profesionais, desprazándose tamén a Estados Unidos e Chile. "É unha boa ocasión porque poderá facer un traballo importante en altitude", sinala o seu director.
Relacionadas:
-
"Boas sensacións" do Froiz ante o inminente inicio da Copa de España
Por Redacción |
-
Froiz, 28 anos de aposta polo ciclismo
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
O Froiz fixa os obxectivos dunha tempada que iniciará no Circuíto do Guadiana
Por Diego Espiño |
-
Primeiros quilómetros para o novo proxecto do Supermercados Froiz
Por Redacción |
-
O Supermercados Froiz cae ao quinto posto do ránking nacional
Por Redacción |