Emoción ata o último segundo nun espectacular derbi entre Teucro e Cangas (32-32)
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Vibrante, intenso, polémico, emocionante... Os cualificativos quedan curtos para o partido vivido este mércores no Pavillón Municipal dos Deportes entre Teucro e Cangas (32-32).
Dous anos e medio despois a liga Asobal recuperaba un derbi galego e o partido, elevado ao máximo co gran ambiente e sa rivalidade nas bancadas, non defraudou a ninguén.
Sobre o papel chegaba o Cangas en mellor momento que os azuis, tras dez vitorias consecutivas polas cinco derrotas teucristas, pero pouco importou. Os pontevedreses saíron de vestiarios como un ciclón, con gran efectividade en ataque e unha defensa que permitía saír ao contraataque para dispararse 5-2 arriba no marcador, obrigando a Pillo a solicitar o primeiro tempo morto (minuto 4).
Seguiron domimando o locais pero aos poucos os do Morrazo entraron no choque. O traballo de Cerqueira (cinco goles no primeiro acto no pivote permitiu que se fose reducindo a vantaxe facilitado todo iso polas exclusións ao bando azul, tres case consecutivas no que era o inicio dunha polémica actuación arbitral que non contentou a ninguén.
Aos 22 minutos outro gol desde o pivote daba a primeira vantaxe ao Cangas (12-13) entrando o partido nunha fase de igualdade que se mantivo ata o descanso.
Na reanudación todo cambiou. Se o Teucro saíra irresistible no primeiro acto, no segundo o cadro visitante poñía un parcial de 0-4 de saída para distanciarse (16-21). Parecía o momento decisivo, o 'Euro Cangas' chegara ao Municipal e aos de Quique Domínguez aparecíanselle vellas pantasmas das últimas xornadas ligueiras.
Pero todo volveu cambiar de maneira inesperada. A unha exclusión sinalada ao banco do Cangas por un suposto cambio antirreglamentario seguíronlle dúas accións de Edu no extremo que acabaron con sanción de dous minutos. O Teucro contaba tiña case un minuto con tres xogadores máis en pista e aproveitouno.
Cunha bancada envorcada reduciron primeiro a un gol a distancia, Quique Domínguez variou a defensa cunha mixta sobre David García e coa inercia e outra nova superioridade, empataron cun gol de Pichel (23-23).
Corría o minuto 14 e a igualdade xa non desaparecería, a pesar de que os colexiados lle deron tamén ao Cangas a opción de réplica cunha dobre superioridade tras sanción de dous minutos a Carró e Dani Hernández. Mantiveron o empate os azuis con tantos de Edu e Pichel para delirio dos seus afeccionados.
O Teucro meteuse no partido e non o soltaría. No carrusel de goles os de Quique Domínguez saborearon o triunfo co 32-31 a falta de pouco máis dun minuto pero igualou David García con 30 segundos por xogar. O último balón era azul, pero Dani Hernández non acertou a lanzar a portería certificando un empate que sabe a moito aos morracenses, moi preto xa da Copa Asobal, e tamén vale aos locais para recuperar as boas sensacións.
SD TEUCRO (32): Amérigo, Edu Moledo (3), Dani Hernández (7,4p), Balenciaga (3), Carró (1), Pichel (6), Carlos García (8,1p) -siete inicial- Rial (4), Samu Gómez, Víctor Rodríguez, Chapela, Román Pedreira, Andrés Delgado.
BM CANGAS (32): Lamariano, Muratovic (4), Krook (2), Cerqueira (6), Eijo (2), Pousada (2), Casares (1) -siete inicial- Simes (1), David García (6), Rosales (3), Rubén Soliño (2,1p), Paulo Da Costa, Dani Gómez, Suso Soliño (3p), Salazar.
Marcador cada cinco minutos: 5-2, 7-6, 9-8, 11-10, 13-14, 16-17, descanso, 16-20, 20-22, 23-24, 26-27, 29-30, 32-32.
Árbitros: García Mosquera e Muro San José. Expulsaron a Adrián Rosales no Cangas por acumulación de exclusións. Tamén excluíron a Víctor Rodríguez, Dani Hernández (2), Chapela e Carró (2) no Teucro e a Krook, Casares e Paulo Dacosta nos visitantes.
Incidencias: Partido da décimo cuarta xornada da Liga Asobal disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante preto de 2.000 espectadores.
Relacionadas:
-
Merecido descanso para a Sociedad Deportiva Teucro
Por Diego Espiño |
-
Remontada incompleta ante o Huesca dun Teucro que segue sen gañar fóra (33-31)
Por Redacción |
-
Último esforzo do Teucro antes do parón
Por Diego Espiño |
-
Teucro e Cangas afrontan o derbi provincial en momentos opostos
Por Diego Espiño |
-
Mal partido do Teucro e dura derrota na pista do Balonmano Aragón (32-27)
Por Redacción |