Un combativo Super Froiz non logra impedir o triunfo de Aitor González na Volta a Galicia
Por Redacción
Tentouno ata o último momento, pero o Supermercados Froiz non puido lograr en casa o triunfo na Volta a Galicia. Por segundo ano consecutivo, o triunfo foi para corredor vasco Aitor González (Ampo Goierriko), ao que os pontevedreses puxeron contra as cordas na subida da Escusa grazas á fantástica actuación de Pedro Merino que logrou terminar a rolda nunha gran terceira posición. O podio completouno Jorge Martín Montenegro (Aluminios Cortizo).
A última etapa, de 148 quilómetros de percorrido, saíu sobre as dez e media da mañá da Praza de España de Pontevedra e desde o primeiro momento empezaron os ataques no pelotón. Pola meta voante de Caldas, no quilómetro 35, callou a escapada boa formada por trece corredores, entre eles Antonio Portela, Rubén García e Alejandro Lomba (Super Froiz).
Ningún deles era perigoso para a xeral, pero varios deles buscaban situarse con marxe suficiente para botar unha man aos seus xefes de filas no tramo final. A diferenza rapidamente situouse ao redor dos tres minutos e pasaron na cabeza polos altos de Lobeira e O Busto. Nesta última subida Samuel Rodríguez (Club Ciclista Rías Baixas) lanzou un ataque en solitario que o mantivo ao mando da etapa ata as ramplas finais da ascensión ao porto da Escusa.
Neste porto de primeira categoría, coa súa cima situada a 36 quilómetros de meta, a carreira lanzouse definitivamente no grupo de favoritos cun ataque de Pedro Merino. O manchego do Super Froiz superou a todos os fuxidos e coroou con 19 segundos de vantaxe respecto ao trío perseguidor, encabezado polo líder Aitor González, que circulaba xunto ao segundo clasificado Jorge Martín Montenegro e a Jorge Cubero.
O terceiro na xeral necesitaba remontar os 25 segundos de desvantaxe que tiña co líder tras a etapa en Manzaneda e os dous mantiveron un emocionante pulso. Por momentos, Merino chegou a ser camisola amarela virtual. Con todo, o grupo de perseguidores aumentou no camiño cara a Pontevedra ata alcanzar os 16 compoñentes e neutralizou o seu órdago a 15 quilómetro para a meta.
Coa vitoria final case asegurada para Aitor González, a loita no tramo final centrouse no triunfo de etapa. Cubero sorprendeu cun ataque a 10 quilómetros da chegada e espremeu ao máximo unha renda de 15 segundos para gañar no centro histórico pontevedrés. O ruso Evgeny Zateshilov superou a Aser Estévez (Rías Baixas) no sprint do reducido pelotón principal.
Aitor González como vencedor absoluto e da montaña; Antonio Portela (Supermercados Froiz), das metas voantes; Aser Estévez, mellor galego; Zateshilov, primeiro Sub 23; e o Bicicletas Rodríguez Estremadura, gañador por equipos, estiveron no podio final. Os homes de Evaristo Portela tivéronse que conformar coa segunda praza, a 16 segundos dos estremeños.
Relacionadas:
-
O Supermercados Froiz inicia a súa renovación fichando catro promesas do ciclismo galego
Por Redacción |
-
Pedro Merino sube ata a terceira praza da Volta a Galicia tras a etapa raíña de Manzaneda
Por Redacción |
-
O Super Froiz inicia a Volta a Galicia cun oitavo posto para Roberto Mediero
Por Redacción |
-
Domingo de ciclismo na cidade de Lérez coa terceira e última etapa da Volta a Galicia
Por Diego Espiño |