Diversión e xadrez para todas as idades na Praza de España
Por Mónica Patxot
Dúas xornadas de bo ambiente, diversión e xadrez, moito xadrez, da man da Escola Xadrez Pontevedra.
Así se formularon por unha parte unha nova edición do 'Xadrez na Rúa' e por outra o sexto PonteXadrez ao aire libre, ambos os dous celebrados na céntrica Praza de España.
O Xadrez na Rúa contou coa participación de catro centros escolares: CEP Campolongo, CEIP Vidal Portela, CEIP Xunqueira II e CEIP Vilaverde-Mourente, nunha xornada que serviu tamén de reivindicación no obxectivo de que este deporte teña unha maior presenza no ensino.
Pola súa banda o PonteXadrez citou 400 xogadores de todas as categorías, dende a Sub-8 ata a Absoluta, nun torneo que forma parte do Circuíto Galego Escolar.
Ademais a presente edición conta cun calro carácter solidario, non só pola tradicional recollida de alimentos en favor do Comedor de San Francisco, senón pola visita de Álvaro Van Den Brule, socio fundador de Xadrez Sin Fronteras e que levou este deporte a escolas de lugares como Etiopía ou Alxeria.