Arxil loitará polo ascenso a Liga Feminina ao impoñerse (70-56) a Universidad de Oviedo
Por Ramiro Espiño
Non fallou o Arxil. Necesitaba vencer ao Universidade de Oviedo para meterse na fase final polo ascenso á Liga Feminina e conseguiuno con autoridade e sen apuros, malia acusar os lóxicos nervios nalgunhas fases do partido, especialmente tras o descanso.
Cunha bancada entregada e cheo total no pavillón do CGTD de Pontevedra, as rapazas de Mayte Méndez fixeron bo o prognóstico, e mesmo lograron rematar a liga regular na terceira posición, desbancando o Cortegada de Vilagarcía, que a última hora queda fóra da fase, ao ser derrotadas polo Ensino a domicilio, co que ceden o posto a León Cuna del Parlamentarismo, que será quen acompañe a Arxil, Ensino e Bizkaia na loita por dous postos na máxima categoría, xunto aos catro primeiros clasificados do grupo B: C.R.E.F., Alcobendas, Leganés e Plenilunio.
Queda por determinar o escenario desa fase final, para a que en principio estaba designada Lugo, pero a candidatura da cidade das murallas pode quedar descartada ao parecer por xurdir problemas organizativos entre Ensino e o club masculino da cidade, o Breogán, que poderían relanzar novamente a opción pontevedresa como sede da devandita fase.
En canto ao partido a súa historia remítese ao sucedido nos dous primeiros cuartos, nos que o Arxil saíu decidido a impoñer a súa superioridade cobre o cadro ovetense e conseguiuno, non sen altibaixos.
As rapazas de Mayte Méndez tiveron en Fallon Lewis a súa mellor xogadora, con 19 puntos e 7 rebotes, para un 25 de valoración, especialmente cando o cansazo causou efecto en Maimouna Diarrá, que se tivo que ir ao banco no comezo do terceiro cuarto, para rematar sumando 13 puntos e 10 rebotes (20 de valoración).
Dende o salto inicial o Arxil tomou o mando e foi abrindo brecha. Movendo ben, con fluidez, o balón polo perímetro, pero tendo o seu punto débil no tiro exterior, o que obrigaba a buscar sempre balóns interiores sobre Diarrá, co conseguinte desgaste para a pivot senegalesa.
A defensa funcionaba e afogaba o equipo visitante, logrando unha vantaxe no primeiro parcial que aventuraba un partido cómodo. A diferenza incrementouse lixeiramente no segundo cuarto, se ben o fixo despois dun oportuno tempo morto solicitado por Mayte Méndez ante a acumulación de erros das súas. Quedaba apenas un minuto para o descanso e a consecuencia foi un parcial de 6-0, con tres canastras e dous roubos de balón, que poñían ao conxunto verde 17 puntos por diante.
Non foi boa a volta á pista. O Arxil comezou con moitas dúbidas, conseguindo unicamente 2 puntos nos catro primeiros minutos. Mayte Méndez deu descanso a Diarrá e foi o momento de Fallon Lewis, que se botou o equipo ás costas e non permitiu que as ovetenses se achegasen ata o punto de poñer en perigo a clara vitoria local, que chegou no medio da alegría dunha bancada repleta de afeccionados. O soño estaba conseguido. Agora buscarán alcanzar a gloria.
CB ARXIL (70): Maimouna Diarrá (13), Ana Martín (7), Carla (2), María Lago (12), Fallon Lewis (19) -cinco inicial-, Aldara Vázquez (2), Ana María Román (12), María González (3), Jara Tuda, Estefanía López, Cristina Díaz Pache e Sandra Entenza.
UNIVERSIDAD DE OVIEDO (56): Inés Orselli (13), Eva María Oliva (5), Carolina Hernando (10), Marina Vilella (14), Andrea Malanda (1) -cinco inicial-, Sara Fernández (11), Sheila Cuesta (2), Lucía Cavia e Tamara Labra.
Árbitros: Diego Domínguez Portas e Luis Miguel Estévez Estévez. Sinalaron 16 faltas ao Arxil e 19 ao conxunto visitante. Sen eliminadas.
Marcadores parciais: 21-9, 18-13 (39-22, descanso), 16-17 (55-39), 15-17 (70-56, final).
Incidencias: Pavillón do CGTD (Pontevedra). Cheo, cuns 300 espectadores nas bancadas.
Relacionadas:
-
Estrea con vitoria do Arxil ante o Plenilunio (61-52) no play-off de ascenso
Por Diego Espiño |
-
Con ilusión e sen renunciar a nada encara o Arxil o inicio da fase de ascenso
Por Diego Espiño |
-
O ascenso do Arxil pasa por Lugo
Por Redacción |
-
Entrada de balde para empuxar o Arxil cara á fase de ascenso
Por Redacción |
-
A vitoria en Avilés sobre o Abda (50-55) deixa o Arxil a un paso de alcanzar o seu soño
Por Redacción |
-
O Arxil, sen marxe de erro nas dúas últimas xornadas de liga
Por Redacción |