O Dúatlon Cros deste domingo en Poio decidirá o campión do circuíto galego
Por Redacción
A novena edición da proba de dúatlon cros en Poio disputarase este domingo 22 a partir das 11.00 horas co inicio no campo de fútbol de Samieira.
Esta mañá, a concelleira de Deportes de Poio, Marga Caldas, presentaba con representantes do Club Monte Abaixo a proba na que ao redor dun centenar de participantes terán que percorrer seis quilómetros de carreira a pé, case 20 quilómetros en bicicleta para finalizar con outros tres quilómetros correndo.
A proba servirá para coñecer o gañador do circuíto galego entre os dous aspirantes, Darío Manuel Otero Pampín e Marcos Mallo Figueira. Segundo José María López, representante do Club Ciclista Monte Abaixo de Samieira, o trazado é moi técnico e recomenda o público que queira seguir a carreira que se sitúe na zona da última baixada nas proximidades da Casa do Pobo ou na zona dos muíños de Samieira.
A proba non levará consigo cortes de tráfico na contorna durante o seu desenvolvemento. Finalizará arredor das 13.00 horas e, a continuación, entregaranse os trofeos na Casa do Pobo de Samieira.