O Teucro presenta as súas credenciais cunha vitoria de prestixio sobre o Bidasoa (27-31) en Irún
Por Redacción
Sensacional arranque ligueiro da SD Teucro. A domicilio, fronte a un dos rivais máis fortes, recén descendido da Liga Asobal, como o Bidasoa, nun escenario mítico como Artaleku, os de Quique Domínguez presentaron as súas credenciais para unha tempada na que o conxunto azul, moi renovado, promete ofrecer grandes cousas aos seus seguidores, facéndolles esquecer os apuros da pasada campaña para manter a categoría.
Partidazo en defensa e ataque. O Teucro non deu opción en ningún momento ao seu rival, dominando e marchando pouco a pouco no marcador dende mediada a primeira parte, cando o partido rompeu. Aos amarelos custoulles horrores bater a portaría de Amérigo (estiveron preto de 10 minutos sen anotar) e os visitantes aproveitaron o atoamento local para conseguir as primeiras rendas importantes (3-8, minuto 19).
Na segunda metade o Bidasoa mellorou en labores ofensivos pero non foi capaz de frear o ataque azul, que da man de dúas das súas novas incorporacións como Dani Hernández e Edu Moledo, se foran xa ao descanso con seis goles de vantaxe, que ampliarían a oito a pouco de continuarse o xogo, cunha máxima diferenza de 10 goles (17-27) que sentenciaba o partido. Esta renda mantívose sempre ata os últimos cinco minutos, momento que aproveitou o Bidasoa para maquillar o marcador cun parcial de 4-0 pero sen chegar nunca a poñer en risco a brillante vitoria visitante.
CD BIDASOA IRÿN (27): Pedja Dejanovic; Adrian Crowley (2), Iñaki Cavero (1), Jon Azkue (8), Iago Muiña (5), Pedro Fuentes (4), Ander Iriarte (3), Mikhail Revin, Goran Trkulja (2), Jon Imanol Vázquez (1), Amel Zildic, Mikel Mindegia, Asier Satrústegi, Asier Zubiría, Alexis Gimeno (1) e Koldo Jáuregui.
SD TEUCRO (31): Ricardo Amérigo; Carlos García (2), Víctor Rodríguez (1), Borja Pedreira (1), Dani Hernández (7), Edu Moledo (6), Gonzalo Carró (2), Iago Gómez, Adrián Pumar (3), Iván Fernández, David García Pichel (3), David Chapela (2), Carlos Pombo, Jose Carlos Ameijeiras, Andrés Pérez e Marcos Dorado (4).
Árbitros: Matías Muñiz Castellano e Joseba Jokin Ordoki Ochoa (Navarra). Excluíron por dous minutos a Pedro Fuentes, Iago Muiña, Mikhail Revin (2), Goran Trkulja e Amel Zildic, polos locais, e a Gonzalo Carró (2), Borja Pedreira (2), Adrián Pumar e Víctor Rodríguez, polo Teucro.
Marcador (cada cinco minutos): 0-2, 3-3, 3-5, 4-8, 5-9, 8-14 (descanso), 11-16, 13-21, 16-24, 19-27, 23-31 e 27-31 (final).
Incidencias: Polideportivo Municipal Artaleku (Irún).
Satisfeito estaba o técnico teucrista, Quique Domínguez, ao finalizar o partido: "Ganar en una pista como Artaleku siempre es complicado. Esta victoria nos refuerza mucho", dixo, engadindo logo que "para ser la primera jornada el equipo está bastante acoplado. Los jugadores están a un nivel muy alto de integración y esto es muy importante".
Pola súa banda o adestrador do Bidasoa, Fernando Bolea, non buscou escusas e admitiu a superioridade do Teucro: "No es el inicio esperado, aunque sabia que no iba a ser fácil. Quizás hemos notado el nerviosismo del debut. El Teucro ha jugado mejor que nosotros. Hay que analizar el partido e intentar mejorar. Nos hemos ido diluyendo como un azucarillo desde los primeros minutos".
Relacionadas:
-
Quique Dominguez augura un partido "igualado y difícil" para o Teucro ante o Algemesí
Por Diego Espiño |
-
Foto oficial da tempada para o Teucro coa mente posta no seu primeiro partido na casa
Por Redacción |
-
Irún, primeira parada para unha SD Teucro que soña con volver a Asobal o ano do seu 70 aniversario
Por Redacción |