Pontevedra - Real Valladolid, partido de "alto nivel" para o XXXVIII Trofeo Cidade de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Real Valladolid, equipo recén descendido de Primeira División, será o primeiro rival do Pontevedra CF nesta pretempada. Visitarán Pasarón este sábado 26 de xullo para enfrontarse aos granates na XXXVIII edición do trofeo Cidade de Pontevedra, un dos torneos estivais con maior tradición dos que se disputan na cidade. Xogarase a partir das 20.00 horas.
O partido foi presentado este mércores polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández; e a presidenta do Pontevedra CF, Lupe Murillo. Todos eles destacaron que será un partido "atractivo" e que permitirá ver xa en acción o novo equipo granate, a pesar de que apenas leva adestrando tres días.
"Lo vamos a dar todo para demostrar la calidad del equipo que hemos formado", sinalou a presidenta do club, que recordou que o Cidade de Pontevedra sempre foi un torneo de "alto nivel", polo que pasaron o Lugo, o Celta de Vigo ou o Coruxo en anos anteriores. E avanzou que, de cara a edicións posteriores, se reforzará na medida do posible coa presenza de equipos de Primeira División.
As entradas para o partido custarán seis euros nos fondos, oito en preferencia e doce na tribuna.
O trofeo, que naceu no ano 1973, chega cun valor engadido, sinalaron Fernández Lores e Agustín Fernández, ante os cambios que se están a vivir no club granate nesta nova etapa baixo a presidencia de Lupe Murillo, á que ambos os dous lle desexaron sorte para lograr o obxectivo de ascender Segunda División B.
Formouse, sinalou o edil socialista, un equipo "que vai ilusionar aos seguidores" e que permitirá, avanzou, "saír por fin deste pozo". Neste mesmo sentido, Miguel Anxo Fernández Lores, celebrou que se sentasen as bases dunha SAD "cos pés na terra e que avance con paso firme". Este Pontevedra, insistiu o alcalde, ten unha porcentaxe "alta" de posibilidades de éxito e agradeceu a Lupe Murillo a súa "aposta e compromiso" polo club.
OUTROS AMIGABLES
Ademais, Lupe Murillo avanzou o Celta de Vigo xogará outro partido amigable co Pontevedra, aínda que neste caso será xa coa tempada iniciada. Aproveitarase un parón ligueiro que obrigará a facer os compromisos da Selección Española para que o equipo vigués, que xa deu o visto e prace, volta a visitar Pasarón.
O resto da pretempada, desvelada polo club na tarde do mércores, inclúen partidos contra o Mondariz (31 de xullo), Céltiga (9 de agosto), Ribadumia (10 de agosto), Portonovo (15 de agosto), Sanxenxo (17 de agosto), Agrupación Estudiantil da Estrada (20 de agosto) e un triangular co Marín e o Coruxo (3 de agosto). O club sinala que pode haber cambios de última hora con respecto os partidos proxectados.