O equipo infantil feminino do Poio Fútbol Sala proclámase campión de España
Por Redacción
A xesta lograda hai un ano polo equipo cadete feminino do Poio Fútbol Sala foi igualada polo conxunto infantil, despois de que se proclamase este domingo campión de España da categoría.
As vermellas impuxéronse na final ao FSF Móstoles (6-2) despois de protagonizar un torneo inmaculado na localidade murciana de Roldán.
Na primeira fase o Poio debutou cun claro triunfo ante o Real Alcázar manchego (7-2), mentres na segunda xornada tivo que sufrir para impoñerse ao equipo anfitrión, o Roldán FSF (3-2).
Un día despois, no último partido do seu grupo o conxunto vermello gañou o dereito a xogar a final derrotando ao Inter Sala Zaragoza (6-1).
Xa no partido definitivo as xogadoras de Poio dominaron dende o inicio e ao descanso gañaban por tres goles a cero.
Á volta de vestiarios as madrileñas apertaron pero non lograron neutralizar a renda certificando un merecido campionato para as galegas.