O ascenso do Poio Artai, en suspenso: a Federación abre expediente e analizará o partido
Por Redacción
Gañou o ascenso a Primeira Nacional por méritos deportivos, pero a confirmación oficial de que o Poio Artai estará o ano que vén na división de bronce do balonmán español terá que esperar. Unha denuncia presentada polo Base Oviedo, un dos equipos que disputaron o playoff de ascenso cos pontevedreses, levou á Federación Española de Balonmán a abrir un expediente e analizar o sucedido no último partido da fase.
O Poio Artai desprazárase esta pasada fin de semana á localidade vasca de Usurbil (Guipúscoa) para buscar o ansiado ascenso de categoría. Os da Seca lograron vencer no seu primeiro partido ao Base Oviedo (22-20), mentres que no segundo se viron superados pola mínima polos canarios de Puerto del Carmen (26-27). No terceiro e último partido contra os anfitrions, o ascenso pasaba por non perder. E un empate a 22 fíxoo posible.
Foi precisamente ese resultado o que espertou as iras do Base Oviedo. O empate entre Usurbil e o Poio Artai beneficiaba a vascos e galegos, deixando fóra da Primeira Nacional os asturianos. E estes, apoiados por un video dos últimos instantes do partido, denunciaron un suposto amaño entre ambos os dous equipos para pactar o empate que os dous necesitaban para subir de categoría.
Segundo o Base Oviedo, o amaño tería sido arranxado polos xogadores de ambos os dous equipos. E baséanse no sucedido nos últimos sete segundos do encontro. O marcador reflectía un 22-21 a favor do Usurbil. Foi entón cando o porteiro local errou no saque, o balón caeu en mans dun xogador do Poio Artai que, sen apenas oposición, marcaba o empate a 22 definitivo. Este marcador daba o ascenso a Primeira Nacional aos dous equipos.
Tras recibir a denuncia pertinente, a Federación emitiu un comunicado no que anuncia que o Comité Nacional de Competición iniciou as actuacións oportunas "abrindo un expediente de información reservada co obxecto de esclarecer os feitos acaecidos, a través da práctica das probas que se propoñan, e, se é o caso, depurar as responsabilidades que poidan derivarse de todo iso".
En tanto non se adopte a resolución correspondente por parte do Comité Nacional de Competición, tanto o resultado do partido, como, conseguintemente, a clasificación final do citado sector, quedarán en suspenso provisionalmente e a resultas da decisión definitiva.
Con respecto a toda esta polémica, o Poio Artai sempre defendeu que non se produciu amaño ningún. Dende o club da Seca sinalan, entre outras cousas, que vendo o partido se encontraban un delegado federativo e dous árbitros "e se tivesen visto algo raro teríase reflectido na acta". Ademais, para demostrar os disputados que estivo o encontro invitan a ver os 60 minutos do partido, "e non verán neles nada raro".