Pontevedra súmase ao Día da Ilustración cun faladoiro sobre a situación do sector
Por Redacción
Catro coñecidos ilustradores galegos xuntáronse este xoves en Pontevedra para participar no faladoiro A ilustración gráfica hoxe en Galicia, unha actividade enmarcada dentro dos actos conmemorativos do Día da Ilustración na nosa Comunidade Autónoma. Foi un debate que se centrou no traballo que realizan habitualmente os profesionais da ilustración, nos retos aos que se enfrontan na actualidade e nas perspectivas de futuro que se abriron nos últimos anos.
No faladoiro, celebrado na Biblioteca municipal de Pontevedra, participaron os ilustradores Marina Seoane, Almudena Aparicio, Manuel Uhía e Henrique Torreiro, expertos no campo das artes plásticas. Formaba parte dos actos cos que Galicia celebra por vez primeira esta efeméride. De aí que o acto estivera presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez.
Na súa intervención afirmou que a Xunta incluíu por primeira vez esta celebración co obxectivo de "dar resposta á importancia crecente que tomou a dimensión gráfica das publicacións actuais, e a súa vez, conseguir proxectar o traballo das nosas ilustradoras e ilustradores". Destacou a importancia da ilustración e do deseño no libro e na lectura, e recordou que "os nosos ilustradores abren portas nos mercados a través das cales a imaxe de Galicia gaña en prestixio no seu conxunto, feito que invita a confiar en todo o que leva o noso selo de orixe".
O conselleiro explicou que o Goberno galego escolleu o 30 de xaneiro como Día da Ilustración en Galicia por ser o aniversario do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, "a quen consideramos o pai da ilustración galega". Con todo recordou tamén o labor de recoñecidos artistas como Luis Seoane, Cebreiro, Sánchez Mazas, Prieto Nespereira, Maside ou Colmeiro, "persoeiros que marcaron o camiño que conduciu á realidade actual, cun sector profesionalizado e situado á vangarda creativa e técnica".