A Banda de Música de Pontevedra cumpre 110 anos e comeza a celebralo cun novo ciclo de butacas
Por Alejandro Espiño
4 de xuño de 1904. ÿ a data na que se celebrou o primeiro concerto da Banda de Música de Pontevedra. Foi no palco da música da Alameda, un escenario moi vinculado con esta formación. Cúmprese este ano, polo tanto, o seu 110 aniversario, unha efeméride que pretenden celebrar ao grande. Para empezar, coa organización dunha nova edición do seu ciclo de butacas. Nove concertos que comezarán o próximo 31 de xaneiro.
A programación que presenta a Banda de Música de Pontevedra neste novo ciclo, segundo Adrián Silva, "non se ve normalmente". Explicou que se presentarán diferentes formatos, desde un concerto sinfónico "que require un esforzo importante" ata concertos para nenos no marco do Salón do Libro "que será moi interactivo e no que o público xogará un papel importantísimo".
Será un ciclo de concertos nos que "intentaremos facer algo especial" e que haxa certas sorpresas. Como guiño a este 110 aniversario, en case todos os concertos interpretarase "como bis" unha obra relacionada coa Banda de Música de Pontevedra, "para deixar a nosa pegada a través de autores galegos ou vinculados coa banda", segundo destacou na presentación Ana Franqueira, unha das compoñentes da formación.
As actuacións programadas son as seguintes:
- 30 de xaneiro: Sinfonía número 9 - Sinfonía do novo mundo, de Antonín Dvorak
- 13 de febreiro: Concerto coa solista Margarita Martínez Muñiz (clarinete)
- 27 de febreiro: Concerto "Imos de celebración", con José Rafael Pascual Vilaplana como director invitado.
- 13 de marzo: Programa "Jager & Jacob", co solista José Varela Santalla (timbais)
- 20 de marzo: Concerto 'Saborosso' no Salón do Libro.
- 10 de abril: Concerto 'Flicorno D'Oro'
- 27 de abril: Concerto da Banda Cultural de Salceda de Caselas como agrupación invitada.
- 22 de maio: Concerto co solista Abe Rábade (piano). Nel estrearase a obra Paseo dos Gafos, escrita para a BMP.
- 31 de maio: Concerto con Bert Appermont como director invitado
Todos os concertos, salvo o do Salón do Libro, celebraranse no Teatro Principal. Por primeira vez, a BMP cobrará unha entrada "simbólica" coa que se intenta "fidelizar un público que ven aos nosos concertos de xeito habitual". Serán dous euros por concerto, aínda que se lanzará un abono que, a un prezo de dez euros, dará acceso aos oito concertos do ciclo. Queda fóra o concerto infantil do 20 de marzo, que terá un prezo de tres euros.
Relacionadas:
-
A Banda de Música de Pontevedra volve ás súas orixes para celebrar o seu 110 aniversario
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Abe Rábade estrea a peza 'Paseo dos Gafos' coa Banda de Música de Pontevedra
Por Redacción |
-
A Banda de Música de Pontevedra abre 2014 con 'As dúas beiras do Miño'
Por Redacción |
-
Lores, Louro, Moreira e Fina Casalderrei, músicos sorpresa no Concerto de Nadal da BMP
Por Redacción |