"Colón galego?", un novo documental que reforza a teoría da orixe pontevedrés do conquistador
Por Redacción
Antes da súa estrea na TVG, os pontevedreses puidemos asistir á proxección dun novo documental sobre a figura de Cristóbal Colón. Trátase de Colón galego? producido por ComunicArte para Televisión de Galicia e escrito e dirixido por Ángel Peláez. ÿ un documental que reforza a teoría sobre a orixe pontevedresa do histórico conquistador e que foi rodado integramente na provincia.
O documental, de hora e cuarto de duración, comezou a gravarse en xuño de 2012 e rematouse un ano despois. Entre outras localizacións, parte da produción rodouse nas inmediacións da Basílica de Santa María, xa que segundo as teorías do Colón galego, unha das súas carabelas, á que daría nome a igrexa pontevedresa, construíuse no barrio da Moureira.
En Colón galego?, Ángel Peláez recolle as testemuñas e probas de expertos que coñecen detalles sobre a orixe do conquistador, entre eles, Rodrigo Cota ou Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega. Aínda, tal e como sinala o seu creador, a entrevista que lle dá máis valor ao documental é a de Cristóbal Colón de Carvajal y Gorosábel, descendente directo do descubridor de América.
Esta produción trata de arroxar luz sobre a vida de Cristobal Colón, rodeada de múltiples enigmas pois el mesmo encargouse de que así fora. Pese a que os libros de historia fixan o seu lugar de nacemento en Xénova (Italia), na actualidade esta idea é moi cuestionada.
A teoría sostida polo historiador e político galego, Celso García de la Riega, de que a súa orixe está na parroquia de San Salvador de Poio, toma hoxe nova forza despois de que os seus descendentes sacaran á luz unha serie de documentos que permanecían, por expreso desexo do historiador, selados e lacrados dende hai 104 anos.
Por outra banda prestixiosos historiadores contemporáneos esperan atopar nestes documentos novos datos que reafirmen a teoría de García de la Riega. No seu momento, as teses do Colón galego foron firmemente apoiadas por intelectuais tan relevantes como Valle Inclán, Castelao, Emilia Pardo Bazán, Fernández Flórez, Manuel Quiroga, Blasco Ibáñez e outros.
O documental, que foi preestreado no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, Turismo Rías Baixas e Concello de Pontevedra.