O Outlet do libro galego ofrece 1.200 títulos durante oito días no Café Moderno
Por Anxo Lourido
A idea de que Pontevedra sexa un referente como cidade de lectura encontra outra baza ao seu favor coa organización da segunda edición do outlet do libro galego. O Café Moderno converterase no escenario cultural que acolla a 17 editoriais autonómicas que presentarán máis de 1.200 títulos durante oito días.
Segundo sinalou durante a presentación Manuel Bragado, presidente da Asociación galega de Editores, o obxectivo é ofrecer unha "segunda oportunidade" a aqueles libros de calidade que pasaron desapercibidos no seu lanzamento. Os prezos para adquirilos serán económicos. Un libro terá o prezo de 3 euros, dous libros poderanse adquirir por 5 euros e por 10 euros, calquera lector poderá levarse cinco exemplares.
Na primeira edición, celebrada en 2012 lográronse vender 5.000 libros. Manuel Bragado agradeceu a colaboración das librarías Paz e Seijas da cidade e apuntou cara á necesidade de que o editoriais e libreiros desenvolvan este tipo de iniciativas para facer fronte ás dificultades que leva consigo a crise para o sector literario.
O "Outlet do Libro galego" será do 20 ao 28 de abril coincidindo, ademais, coa celebración do Día do Libro.