Un concurso de relatos curtos en galego para fomentar a creatividade dos estudantes
Por Redacción
Fomentar a creatividade dos estudantes de Pontevedra. ÿ o espírito co que nace o I certame de relato curto e microrrelatos, un concurso organizado por Fanpa-Pontevedra, no que poden participar todos o alumnado dos centros públicos da cidade e tamén aquelas persoas adultas que convivan con eles, "para crear un espazo común dentro da familia para a creación literaria".
Así explicou esta iniciativa o presidente de Fanpa-Pontevedra, Alberto Pita, quen destacou que entre os obxectivos deste certame atópanse tamén potenciar a expresión e comprensión escrita dos alumnos, estimular o uso do galego no seo familiar, facilitar a publicación de relatos a novos creadores e apoiar a escritores noveis e afeccionados que teñan dificultades para publicar as súas creacións.
Todos aqueles interesados en participar neste concurso deberán enviar os seus relatos, que terán unha extensión mínima de 200 palabras e máxima de 300 palabras, a info@nontedurmas.org, antes do 30 de abril. Deberán ser textos orixinais, inéditos, non premiados e estar escritos en galego. Cada un dos participantes poderá entregar dous relatos, aínda que só un poderá ser seleccionado polo xurado.
O xurado, que estará composto por filólogos, escritores e profesores, designará catro relatos gañadores, cada un deles por cada categoría (primaria, secundaria, bacherelato e adultos). Todos eles recibirán un vale de 200 euros para comprar material educativo ou escolar e os seus relatos, xunto cos do resto de finalistas, serán editados nun libro colectivo.
Na organización deste concurso colaboran o Concello de Pontevedra, que sufraga os premios do certame, e a Deputación de Pontevedra que será a encargada de editar o libro cos relatos finalistas.