A Asociación Músico Cultural San Martiño celebra as súas 25 primaveras
Por Anxo Lourido
Javier Aperador, o actual presidente da Asociación Músico Cultural San Martiño, confesa que xa non teñen vitrinas para tantos premios como recibiron ao longo destes últimos 5 lustros. Neste 2013, o colectivo celebra os seus 25 anos e faino cunha ampla programación que comeza este sábado 6 ás oito da tarde no Pazo da Cultura co Concerto de Primavera que protagoniza a actuación da Banda de Música e da Coral Polifónica de Salcedo. Será un concerto de entrada libre cun repertorio variado que inclúe pezas tradicionais, clásicas e novidosas, segundo apuntou na presentación das actividades deste ano, Fran Lavía, un dos membros que permanecen na asociación dende o seu inicio.
En 1988, un grupo de pais de Salcedo tivo a idea de crear unha Escola de música en Salcedo e así dió os seus primeiros pasos a asociación. Aquela escola comezou con 25 nenos nas súas orixes. Hoxe conta con 146 alumnos e a asociación engloba unha masa social de case medio millar de integrantes. Da escola inicial xurdiron unha agrupación musical infantil, outra xuvenil, a Coral Polifónica de Salcedo e a Banda de Música.
Todos eles serán protagonistas das distintas actividades que a asociación desenvolverá durante este ano no que contarán cunha imaxe corporativa deseñada por Rei Zentolo.
A finais de xuño iniciarase a Escola de Verán de música, coa intervención de profesores de renome nacional e internacional como Perry Hoogendijk que impartirá un curso de tuba e outro de percusión a cargo de Paulo Silva.
Entre outras actividades, a Illa de San Simón será o escenario no que se realice a convivencia musical da Banda de Música de Salcedo que o 23 de novembro ofrecerá un concerto en honor de Santa Icía, patroa dos músicos no Pazo da Cultura. Nesa actuación participará o músico, compositor e cantante Roi Casal.
Os actos finalizarán co tradicional concerto de Nadal o 23 de decembro.
Ao acto de presentación desta programación acudiron a deputada Ana Isabel Vázquez, a concelleira Anxos Riveiro e a representante da Xunta, Ana Ortiz.