O instituto Valle Inclán, unha comisaría de cinema
Por Diego Espiño
O director galego Dani de la Torre converte estes días o céntrico instituto pontevedrés nun estudio de cinema para a rodaxe da súa segunda longametraxe, 'La sombra de la ley', producida por Vaca Films e AtresmediaCine.
Tal e como avanzou no seu momento PontevedraViva, dúas das localizacións elixidas para rodar a película son o instituto Valle Inclán de Pontevedra, tanto no interior como na súa entrada cara á Avenida Montero Ríos, e o Pazo de Lourizán.
O filme inspírase en feitos históricos e quere ser un reflexo da sociedade española de principios do século XX. Sitúase en Barcelona, onde transcorre gran parte da trama e tamén a rodaxe, pero nas últimas semanas o equipo percorreu varias localidades galegas antes de aterrar na Boa Vila.
En Pontevedra permanecerán varias xornadas, ata o inicio da próxima semana, estando previstas a rodaxe de escenas de exterior en Montero Ríos, que se ambientará para a ocasión con extras e vehículos antigos dos anos 20.
Non foi así no seu primeiro día na cidade, onde se fixeron notar desde primeiras horas da mañá debido ao despregamento de camións e material na entrada do céntrico instituto. A rodaxe non comezou ata a tarde, no interior do centro educativo, que se converterá para o cinema nunha comisaría de policía.
La sombra de la ley, que conta un guión de Patxi Amezcua, sitúase no ano 1921, nun momento de axitación en España, anos de violentos enfrontamentos na rúa entre matóns e anarquistas e co gansterismo e os negocios ilegais instalados na sociedade.
O reparto da película encabézao Luís Tosar xunto a intérpretes como Michelle Jenner, Vicente Romero, Ernesto Alterio, Paco Tous e Manolo Solo.
Segundo o argumento que se deu a coñecer, Tosar interpreta a Aníbal Uriarte, un policía enviado a Barcelona para colaborar coa comisaría local de policía na detención dos culpables do roubo a un tren militar.
Aníbal enfrontarase á desconfianza dos seus compañeiros e entrará en contacto cos baixos fondos da sociedade barcelonesa. Tamén co mundo anarquista máis radical, disposto a todo para conseguir os seus obxectivos. Alí coñecerá a Sara, unha moza loitadora e temperamental, cuxo encontro terá consecuencias inesperadas para ambos.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- Primeiras imaxes de 'La sombra de la ley', película rodada o pasado verán en Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Luis Tosar pasea por Montero Ríos recreando a Barcelona dos anos 20
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
A rodaxe da película 'La sombra de la ley' revoluciona o centro da cidade
Por Diego Espiño |
-
Os narcos de "Fariña" pechan rúas en Vilagarcía
Por Oskar Viéitez |
-
A serie 'Fariña' converte a Audiencia Provincial e o Valle-Inclán en set de rodaxe
Por Cristina Saiz & Natalia Puga |
-
De "1921. La ley del plomo" a "La sombra de la ley": así é a película que Dani de la Torre rodará en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Dani de la Torre rodará en Pontevedra "1921. La ley del plomo", a súa nova película tras "El desconocido"
Por Alejandro Espiño |