O cineasta arxentino Matías Piñeiro protagonizará a sección retrospectiva de Novos Cinemas
Por Alejandro Espiño
A segunda edición de Novos Cinemas acollerá unha retrospectiva do director Matías Piñeiro. O cineasta arxentino tomará o relevo de José Luis Guerín como invitado e o festival ofrecerá unha escolma das súas obras cinematográficas.
A sección comezará coa proxección da súa última película, Hermia & Helena, inaugurando o festival o próximo 27 de xuño no Teatro Principal de Pontevedra.
Viola (2012), Rosalinda (2010), Todos mienten (2009), El hombre robado (2007) ou La princesa de Francia (2014) serán os filmes a través dos que os asistentes poderán viaxar ao longo da retrospectiva dedicada ao autor porteño.
O festival artellou este ciclo de proxeccións en colaboración coa Filmoteca Española e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) da Coruña.
Referente indiscutible do novo cine arxentino, Matías Piñeiro leva unha década realizando películas desde unha total independencia e absoluta fidelidade ás súas formulacións estéticas.
Rodeado dunha estable troupe de técnicos, actores e inesquecibles actrices, Piñeiro leva anos dedicado ao insólito proxecto de revisitar os roles femininos nas comedias shakespearianas.
O cineasta posúe unha obra composta por belos filmes de estruturas complexas e ritmo infatigable; áxiles relatos ao redor da palabra, a representación -os entrecruzamentos da vida co teatro e a literatura- e, por suposto, as relacións sentimentais.
Como complemento á retrospectiva que Novos Cinemas lle dedica a Matías Piñeiro, o cineasta arxentino compartirá cos participantes algunhas das claves do seu traballo e da súa formación cinéfila ao longo de dúas xornadas no seminario 36 Leccións de Cinema.
Este seminario ten como obxectivo trazar un percorrido por trinta e seis reflexións baseadas en casos concretos extraídos de películas e directores de cinema de todas as épocas.
A lista de autores é necesariamente ampla: Alfred Hitchcock, James Benning, Michelangelo Antonioni, Rainer Werner Fassbinder, Apichatpong Weerasethakul, Josef von Sternberg, Jonas Mekas, Yasujiro Ozu, Ernst Lubitsch, Tsai Ming Liang, Jean-Marie Straub, Danièle Huillet, entre outros.
Lonxe de querer ofrecer un manual de solucións, estas leccións preséntanse como unha constelación de estímulos que conforman o retrato da cinefilia de Matías Piñeiro, os compañeiros da súa procura e a esperanza de ser o incentivo cara á práctica cinematográfica doutros e novos cineastas.
O curso celebrarase na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, os días 29 e 30 de xuño, en horario de 10 a 14 horas. O prazo de inscrición comezará o 1 de xuño e estará aberto ata o 28 de xuño ou ata que se cubran as prazas.
Relacionadas:
-
Unha réplica do camión-cine que o cineasta José Gil levaba por toda Galicia chega a Cuntis
Por Redacción |
-
RADIO.- Matías Piñeiro, en Novos Cinemas: "O diñeiro no cinema é moi perigoso. Nunca vén só"
Por Alejandro Espiño |
-
Matías Piñeiro preside no Principal a inauguración da Edición 02 de Novos Cinemas
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Este martes inaugúrase a Edición 02 de Novos Cinemas
Por Redacción |
-
Nove películas, todas inéditas en Galicia, competirán na Edición 02 de Novos Cinemas
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A segunda edición de Novos Cinemas ofrecerá a proxección ao aire libre de 'María (y los demás)'
Por Redacción |
-
Oliver Laxe: "Nunca tivera acceso á arte nin ao cinema feito con alma. Tíveno en Pontevedra"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Novos Cinemas aposta por un ambicioso proxecto formativo para a segunda edición do festival
Por Alejandro Espiño |