Novos Cinemas aposta por un ambicioso proxecto formativo para a segunda edición do festival
Por Alejandro Espiño
#AULA é novo proxecto formativo que os organizadores do festival Novos Cinemas pon en marcha con motivo da súa segunda edición, que se celebrará na cidade de Pontevedra entre o 27 de xuño e o 2 de xullo. Trátase dun programa de actividades para todas as idades que comezaron este mércores cun obradoiro dirixido polo cineasta galego Oliver Laxe.
O director de Mimosas está á fronte do obradoiro Correntes. Nel, Laxe guía a dez estudantes do campus na realización dunha serie de pezas audiovisuais que relacionen o Lérez coa súa contorna humana e que serán estreadas na segunda edición do festival.
Na súa presentación, explicou que este non é un obradoiro de formación "en sentido estrito" senón que busca que os alumnos "fagan películas que nos fagan máis sensibles e libres". Así, apostou por "tirarnos ao río e que sexa a corrente a que nos leve".
Oliver Laxe recordou que a súa formación comezou no campus de Pontevedra, un momento "clave" para el porque nesta cidade descubriu o cine de autor e as primeiras películas "con alma". Ademais, celebrou o paralelismo entre o seu xeito de vivir o cinema e o do festival porque "integra na cidade novas formas de facer cine e xera un sentimento de comunidade".
Este obradoiro forma parte do programa #AULACREAS2i, dirixido a estudantes universitarios. Pero Novos Cinemas aposta por un proxecto formativo integral que se completa cos programas #AULA+NOVOS (para poboación escolar) e #AULAABERTA (para cidadanía adulta).
Ángel Santos e Suso Novás, responsables da organización de Novos Cinemas, explicaron que tanto a divulgación do cinema como a formación audiovisual da cidadanía deben ocupar un lugar relevante no proxecto final do festival.
Así, #AULA+NOVOS focalizará a súa atención na poboación escolar -que abrangue dende a educación infantil ata o bacharelato, apostando por una formación relacionada coa historia do cinema, con actividades nos centros educativos de Pontevedra; ou un obradoiro de solarigrafía, no que rapaces de oito a doce anos experimentarán coa ciencia óptica.
En #AULAABERTA, por último, o festival tenta ampliar o espectro cultural daqueles cidadáns adultos interesados na instancia cinematográfica.
O equipo do festival deseñou un seminario no que un cineasta de renome internacional, ao que se dedicará a sección retrospectiva de Novos Cinemas, compartirá a súa experiencia profesional con todas aquelas persoas interesadas no ámbito cinematográfico, interactuando e compartindo con elas experiencias e coñecemento.
Relacionadas:
-
Este martes inaugúrase a Edición 02 de Novos Cinemas
Por Redacción |
-
Nove películas, todas inéditas en Galicia, competirán na Edición 02 de Novos Cinemas
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O cineasta arxentino Matías Piñeiro protagonizará a sección retrospectiva de Novos Cinemas
Por Alejandro Espiño |
-
A segunda edición de Novos Cinemas ofrecerá a proxección ao aire libre de 'María (y los demás)'
Por Redacción |
-
Oliver Laxe: "Nunca tivera acceso á arte nin ao cinema feito con alma. Tíveno en Pontevedra"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Queres participar no #LAB de Novos Cinemas? Tes de prazo ata o 10 de abril
Por Redacción |
-
Oliver Laxe impartirá un obradoiro no campus de Pontevedra da man de Novos Cinemas
Por Redacción |
-
A segunda edición de Novos Cinemas celebrarase do 27 de xuño ao 2 de xullo
Por Redacción |