Chega a novena edición de Culturgal, "manifestación do orgullo galego contemporáneo"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
81 entidades, 101 postos de exposición que ocuparán máis de 1.800 metros cadrados do Recinto Feiral do Pazo da Cultura serán os protagonistas da novena edición da Feira das Industrias Culturais Culturgal, que se desenvolverá durante os días 2, 3 e 4 de decembro.
Na mañá deste xoves 17 presentábase no Pazo da Cultura a programación desta cita cultural que conta con Pontevedra como sede desde hai oito anos. O presidente da Asociación Culturgal, Manuel Bragado afrimó que, unha vez máis, será un espazo de confluencia, confortable e novo no que esperan a afluencia de máis de 15.000 persoas como en anos anteriores. Bragado considera que é unha "manifestación do orgullo galego contemporáneo".
As principais novidades deste ano céntranse nas noites do venres 2 e do sábado 3. Na primeira noite desenvolverase un concerto inaugural coa orquestra "Folk SonDeSeu e convidados", entre os que actuarán Rosa Cedrón e o Orfeón Treixadura. O sábado, o escenario acollerá o concerto do gaiteiro Xosé Manuel Budiño, que celebra o vixésimo aniversario da edición do seu primeiro disco, Paralaia. O músico de Moaña indicou que estará acompañado por sete músicos e por Mercedes Peón, "a voz máis estremecedora deste país e unha persoa valente". O gaiteiro tamén realizou unha referencia á figura do músico falecido recentemente Fran Pérez "Narf" afirmando, ao final da súa intervención, que "eu tamén quero ser tambor".
O director do Culturgal Xosé Aldea destacaba que este ano se manteñen os mesmos prezos de entrada do ano pasado: 2 euros para os adultos e 1 para as entradas infantís coa posibilidade de adquirir un bono para os tres días cun prezo de 3 euros para adultos e 2 para menores. A entrada, que seguirá formalizándose a través dunha pulseira, levará un desconto do 10% nas consumicións dos locais do centro histórico de Pontevedra.
As xornadas profesionais trasládanse ao venres cun encontro sobre a escena galega para mellorar a Rede de Teatros e Auditorios, na que participarán especialistas doutras comunidades autónomas para comparar modelos. Tamén se desenvolverá un coloquio sobre o modelo de televisión pública, centrándose nas autonómicas e, por outra banda, haberá un encontro sobre seguridade nos espectáculos públicos.
Aldea apuntaba que o público familiar volverá ser o destinatario de moitas das actividades programadas e apuntou algunhas propostas como a xornada Ciencia á Feira dedicada aos legumes, organizada pola Unidade de Cultura Científica CSIC Galicia, co apoio da Misión Biolóxica. Ademais presentarase o novo proxecto musical de María Fumaça ou a celebración do Parkour Park Móbil.
O director do Culturgal afirmou que este ano se tivo que pechar a recepción de solicitudes para montar as casetas un mes antes de que concluíse o prazo, ante a importante demanda xerada para esta edición.
O deputado da Cultura, Xosé Leal, comentou a exposición patrocinada pola institución provincial na que 18 artistas mostrarán a súa visión da natureza a través de esculturas, fotografías, vídeo ou debuxos, comisariados por Paula Cabaleiro e Antón Sobral.
A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacaron a colaboración institucional que permite o desenvolvemento da Feira a través da relación entre a Xunta de Galicia, Deputación Provincial e o Concello de Pontevedra, facilitando as vías para que Culturgal convértase no punto de encontro profesional e tamén do público cos produtos culturais galegos.
Relacionadas:
-
Abre as portas o Culturgal, tres días co mellor da cultura galega no Recinto Feiral
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Os protagonistas da cultura de Pontevedra, de Culturgal ás redes sociais
Por Redacción |
-
O Culturgal une a concellos de todas as cores políticas nas propostas patrimoniais da Deputación
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Budiño celebrará en Pontevedra o vixésimo aniversario do seu primeiro disco
Por Redacción |
-
O patrimonio, eixo central do posto que a Deputación instalará no Culturgal
Por Redacción |
-
Aberto o prazo para presentar propostas ao Culturgal
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |