"Foucellas", unha obra sobre a "resistencia" para o ciclo Ponteatro
Por Redacción
En 1952 un maquis, un dos últimos guerrilleiros do monte, dos que a xente adoitaba chamar un "foucellas", atraca e secuestra un labrador e á súa muller. Arredor dese feito xira a obra Foucellas, o novo espectáculo da compañía Talía Teatro.
É a nova cita que terán os espectadores pontevedreses co ciclo Ponteatro. A representación de Foucellas terá lugar no Teatro Principal este xoves 3 de novembro, a partir das nove da noite.
Protagonizada por Artur Trillo, Toño Casais, Dani Trillo e María Ordóñez, Foucellas é unha peza escrita e dirixida por Cándido Pazó que reflexiona sobre o papel da resistencia antifranquista a partir desta figura tan coñecida.
Ficción, mito e realidade nunha proposta para pensar un momento histórico... o pulso metafórico sobre un transo co que, privada ou colectivamente, ás veces nos enfrontamos: a xestión da esperanza, a administración da derrota.
As entradas están á venda a un prezo de oito euros en ataquilla.com. No caso de non esgotarse, estarán dispoñibles na billeteira do Teatro Principal desde unha hora antes do inicio do espectáculo.