Máis de 60 persoas recrearán a memoria da cidade do Lérez nun inédito espectáculo etnográfico
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Os de Algures volvérono a facer. Puxeron en marcha a súa máquina do tempo para recuperar a memoria da Boa Vila. O resultado desta destacada experiencia será mostrado ao público o vindeiro sábado 29 de outubro no Teatro Principal, ás 20.30 horas, con entrada gratuíta.
Será nun espectáculo etnográfico no que participarán máis de 60 persoas que homenaxearán ao "pintor das pedras", ao debuxante e pintor pontevedrés Carlos Sobrino Buhigas, rememorando a súa importancia na conservación da arte plástica galega, e en especial a arte desta cidade.
Os que acudan ao Teatro Principal poderán ver o uso do traxe tradicional nunha recreación das escenas que forman parte de moitos dos cadros de carácter costumista, a cargo dos actores da aula de Teatro de Pontevedra. Elaborado á mantenta para este espectáculo, o vestiario está formado por 52 traxes, 34 dos cales son fieis reproducións dos pintados nos cadros para representar. Fieis, non só nas feituras e patróns, senón tamén nos materiais escollidos para a súa elaboración.
Tamén haberá unha escenografía diferente, baseada nas obras pictóricas a representar, cunha aparición en escena gradual e sumamente coidada, xogando coa iluminación e as penumbras, creando unha atmosfera de luz lunar.
Tanto os actores, como os bailaríns do grupo Celme, os músicos e os integrantes do coro, teatralizarán cada unha das escenas dando unha visión diferente á que adoita ser habitual nos festivais de tipo folclórico.
O repertorio do programa tenta ser o máis fiel posible á música recollida nos cancioneros de Casto Sampedro e a colección de Perfecto Feijóo.
Por certo que a música corre a cargo do grupo Boa Vila, a Asociación Cultural Gaiteiros "Os de Algures", as voces femininas das pandereiteiras Antela e as masculinas de Cantigas e Frores, ademais de Pousos da Area, unha agrupación de Marín, que tamén escenifica varios cadros.
Relacionadas:
-
Os pontevedreses José Luis Rodríguez e David Quiñones, galardoados nos Premios Antonio Fraguas
Por Redacción |
-
Os cadros de Carlos Sobrino toman vida e recuperan a historia da Boa Vila
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Cotobade regresa aos anos 50 nunha animada Feira de Cuspedriños
Por Diego Torrado |