Felipe e Letizia entregarán este martes a Kalandraka o Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial Cultural 2012
Por Alejandro Espiño
Kalandraka recibirá este martes de mans dos Príncipes de Asturias o Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial Cultural 2012. Trátase dun recoñecemento concedido á editorial pontevedresa polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte polo seu "compromiso coa literatura infantil, destacando o coidado dos textos, xunto coa calidade da ilustración e a dedicación a xéneros máis complexos como a poesía".
ÿ a primeira vez que unha editorial especializada en literatura infantil e xuvenil recibe este galardón e o propio Ministerio cualificou a Kalandraka como "un referente en España e no estranxeiro".
Trátase dun recoñecemento colectivo que Kalandraka quere compartir cos profesionais que participan no traballo creativo, de produción e comercialización dos Libros para Soñar: autores e ilustradores, tradutores, correctores e impresores que suman os seus esforzos ao equipo da editorial repartido non só por Galicia e o resto de España, senón tamén en Portugal, Italia, México, Arxentina, Brasil, Chile e outros países aos que se proxecta o catálogo.
Desde a súa fundación o 2 de abril de 1998, Kalandraka distinguiuse pola edición de álbumes ilustrados da mellor calidade estética e literaria, tanto de produción propia, como traducións de obras importantes no panorama contemporáneo da literatura infantil e xuvenil a nivel mundial, así como a recuperación de clásicos.
Outro dos alicerces da editorial desde a súa creación foi a animación á lectura no ámbito educativo, a través das sesións de contos e música que percorren colexios e bibliotecas, e no fogar, a través das actividades que se promoven nas librerías Libros para Soñar de Vigo e A Coruña.
Este Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial Cultural 2012 súmase a outros galardones concedidos polo Ministerio de Cultura a nivel de edición e ilustración; os máis recentes foron o 1º Premio Nacional de Edición 2011 na categoría de Libros Infantís e Xuvenís pola obra Kipling Ilustrado, e o 3º Premio Nacional de Edición 2010 nas categorías de Libro Infantil-Xuvenil e de Arte por Diógenes e Miguel Hernández, 25 poemas ilustrados, respectivamente.
O Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial Cultural 2012 ten por obxecto distinguir o conxunto do labor editorial dunha persoa física ou xurídica que destaque pola súa achega sobresaliente e innovadora á vida cultural española durante 2011, segundo o Ministerio de Cultura. Ten carácter honorífico e carece de dotación económica.