Maldita Nerea animará as Festas do Carmen en Marín
Por Redacción
O Concello de Marín ven de presentar o programa das Festas do Carme no que destaca o concerto gratuito do grupo murciano Maldita Nerea, previsto para o sábado 9, ás 23:00 horas no parque Eguren.
Ao día seguinte, o domingo 10, ás 23:30h, a orquestra Panorama traerá o seu vistoso espectáculo á vila e o luns 11, ás 23:00h será Royal Orquestra a que poña o ritmo.
E xa o martes 12, ás 23:00h, o ritmo tráeo El Combo Dominicano.
O mércores 13 será a quenda de Cinema Orquesta e xa o xoves 14, despois da tradicional Batalla de Flores, a música correrá a cargo de Marbella.
O venres 15, ás 23.00 horas, no parque Eguren, visitan Marín Los Supersingles, parte imprescindible do programa de televisión de María Teresa Campos Qué tiempo tan feliz, e despois "A Idade de ouro do Pop Español", cos cantantes Alberto Comesaña, de Amistades peligrosas, Joaquín Padilla de Iguana Tango e Pablo Perea de La Trampa, cun repaso aos mellores temas dos 80. Ao día seguinte, sábado 16, será a quenda da Orquestra Miramar.
A isto hai que sumarlle o memorial de Antonio Fernández da Asociación Os Chaneiros, o concerto da Banda de Música municipal de Cangas, as actividades do Carme en Seixo, o festival folclórico Airiños de San Xulián, a romaría popular de Trompos os pés, e dous festivais, Marín Vivo e Mariña Fest.
Será un mes de xullo completo de actividades para todas as idades, que o goberno local irá debullando aos poucos.