Un bosque frondoso ocupará a praza da Ferrería dentro do proxecto Artistas na Rúa
Por Redacción
A praza da Ferrería converterase nun taller de traballo creativo durante o sábado 30 ás 11.30 horas. Seis artistas elaborarán e presentarán as súas obras dentro do proxecto Artistas na Rúa, unha iniciativa que busca mostrar como é un día de traballo para os mozos creadores. Ao longo desa xornada, todas as persoas que se acheguen pola céntrica praza poderán comprobar como son os procesos de traballo.
As seis propostas que se ofrecerán foron seleccionadas entre 34 presentadas na edición deste ano, que contou coa colaboración da decana de Silvia García, decana da Facultade de Belas Artes, segundo se expuxo na presentación deste proxecto no Concello de Pontevedra.
Isaac Sucasas será o encargado de crear un bosque frondoso na praza co obxectivo de enchela de follas secas e vinculalo coas árbores da contorna. Este creador de Moaña é un colaborador habitual da Feira Franca e do Salón do Libro.
Xunto a el participará Basilisa Fiestras que realizará unha instalación con dedos de escaiola a partir da colaboración de todos os visitantes ao evento. Román Corbato presentará un traballo no que intervirán as pombas e empregaranse pezas de madeira. Roi Domínguez ofrecerá un proxecto baseado na arte tradicional, segundo comentou na presentación, coa elaboración de tallas de escaiolas daquelas persoas que estean interesadas en participar. Esas pezas introduciranse nunha botalla con auga da fonte e cun planta que irá crecendo ao redor da escaiola. Macarena Montesinos avanzará pola cidade interactuando co público, convidándoos a ler poesía e a escribir pensamentos relacionados coa cidade nunha cinta. Por último, Hugo Aldatz construirá parcialmente casas para paxaros.
A maioría destes artistas formáronse na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e conta coa participación de Beatriz Mazaira e María Rey.