Un rap infantil para lembrar que "Se perdemos a fala, non seremos ninguén!"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Os gañadores dos certames de vídeo, banda deseñada e de elaboración do manifesto do Correlingua recibiron os seus premios nun acto celebrado este martes 19 no Sexto edificio do Museo de Pontevedra coa presenza do deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, e do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
O evento serviu para anunciar a celebración do Correlingua deste 2016 polas rúas de Pontevedra coa participación de máis de 2.000 escolares. Será o 2 de maio a partir das 10.45 horas. A carreira vai iniciarse na praza da Ferrería e percorrerá o centro histórico para recollerse no mesmo punto.
O acto contará cunha representación da compañía Talía Teatro onde ofrecerá escenas da súa obra Bicos con língua. A continuación vai lerse o manifiesto "Na procura do galego", elaborado polo alumnado de portugués de cuarto da ESO do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. O evento finalizará coa actuación do Grupo Cantalingua.
Na entrega dos premios durante este martes participaron tamén Marcos Maceira, presidenta da Mesa pola Normalización Lingüística e Anxo Louzao, da CIG, que citaron o homenaxeado neste Día das Letras Galegas, o poeta Manuel María, indicando que "se perdemos a fala, non seremos ninguén". Os ponentes pedíronlle os mozos que falen galego sen complexos. O acto contou coa actuación dos nenos de segundo de primaria do CPI Ponte Cesures, que interpretaron un rap preguntándose "Onde está o galego?".