"A patria na palabra", no Paseo de Odriozola
Por Redacción
Esta tarde botou a andar en Pontevedra unha nova edición da Feira do Libro, unha cita anual que se circunscribe na programación de Feiras do Libro Novo de Galicia, que percorrerán 14 localidades ata finais de agosto.
Con motivo da súa apertura, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, aproveitou para convidar a todos os públicos a visitar as casetas da feira, un lugar de encontro que favorece o contacto "coa xente, cos libros, coa lectura, cos autores e autoras e cos libreiros e libreiras da nosa comunidade".
As Feiras do Libro de Galicia preséntanse este ano baixo o lema "A patria na palabra", en lembranza do poeta Manuel María –a quen se adica o Día das Letras Galegas 2017-. Por iso, ademais das novidades editoriais, os libros de Manuel María cobrarán un protagonismo especial, xunto con unha ampla programación de actividades pensadas tanto para pequenos como para maiores e que van desde presentacións de obras, ata contacontos, espectáculos musicais e obradoiros, entre outros.
Na súa intervención, o conselleiro quixo agradecer a colaboración da Federación de Libreiros de Galicia e o esforzo dos profesionais do libro por, un ano máis, facer posible a celebración deste encontro da cidadanía co coñecemento e coa literatura.
Ata o vindeiro domingo, día 10, todos os interesados poderán achegarse ao Paseo de Odriozola, para visitar os postos ou ben participar nas preto de 30 actividades que se desenvolverán ao longo destes días e que contan coa presenza de oito librarías.
Nesta ocasión tamén volverá saír á rúa a Biblioteca Pública, que estará na feira para dar a coñecer a súa colección e os seus servizos.
Relacionadas:
-
A Xunta confirma que Pontevedra non terá este ano Feira do Libro
Por Redacción |
-
A Feira do Libro acolle a estrea de 'O bigote de Mimí'
Por Redacción |
-
A Feira do Libro de Pontevedra capea a crise con máis axuda municipal
Por Redacción |
-
A Feira do Libro Novo inicia en Pontevedra a súa xira por 14 concellos
Por Redacción |