Máis de 125 propostas creativas "presumirán" de Culturgal entre o 4 e o 6 de decembro
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
O Pazo da Cultura acollerá a primeira fin de semana de decembro, do venres 4 ao domingo 6, unha nova edición de Culturgal cunha ampla programación de actividades. Na mañá deste mércores 18, os encargados da organización e diferentes representantes políticos presentaron esta oitava edición que, segundo manifestou Manuel Bragado, presidente desta Feira das Industrias Culturais, chega cargado de entusiasmo, diversidade e orgullo.
Precisamente, o lema deste ano é 'Presume de Culturgal' e neste sentido, Bragado destacou o incremento de expositores nesta feira na que esperan a presenza de máis de 15.000 visitantes durante os tres días de duración. Manteranse os prezos de dous euros para adultos e dun euro para os menores. Nesta ocasión contarase con máis de 75 expositores, distribuídos en 101 casetas e con máis de 125 propostas culturais, segundo expuxo o director desta edición, Xosé Manuel Aldea.
O espectáculo 'Dar de contar a quen pasa' dirixido por Cándido Pazó e coa presenza de Celso Fernández Sanmartín, María Lado e Lucía Aldao xunto ao propio director no Auditorio do Pazo será un dos grandes atractivos e o principal protagonista da denominada 'Noite especial'. A esta proposta súmanse outras iniciativas como o encontro da escena galega, o puntazo de encontro, un speed dating entre os participantes; a Bebeteca; o terceiro maratón das webseries ou as xornadas Firma e Filme para combinar as imaxes e as letras durante a mañá do domingo 6.
O Recinto Feiral será o principal centro de operacións culturais cunha distribución en forma circular das actividades e tamén se desenvolverán actividades noutros puntos do Pazo da Cultura como a mostra sobre Spirou que xa se pode observar no vestíbulo do recinto.
A mostra conta co apoio de diferentes institucións entre as que destacan a Xunta de Galicia, o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial que estiveron representados nesta presentación polo secretario xeral de Cultura Anxo Lorenzo, a concelleira de Cultura Anxos Riveiro e o deputado responsable das actividades culturais, Xosé Leal.
Relacionadas:
-
RADIO.- Ano novo, propostas novas para Pontevedra ten un puntazo
Por Marisa Ciordia |
-
RADIO.- PontevedraViva Radio estrea Pontevedra ten un puntazo
Por Marisa Ciordia |
-
Abre as portas o Culturgal, a cita no Recinto Feiral para presumir de cultura galega
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A exposición 'Somos espazo' e unha unidade didáctica sobre Castelao, propostas da Deputación para Culturgal
Por Redacción |
-
O Culturgal 2015 xa está completo a dous meses da celebración da feira
Por Redacción |
-
O 'puntazo' de Pontevedra como "escaparate perfecto" para empresas creativas e culturais
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
A Deputación ofrécelle aos concellos participar no seu posto no Culturgal
Por Redacción |