500 parrulos de goma baixarán polo río no Surfing the Lérez máis divertido
Por Redacción
O Surfing the Lérez converteuse no festival musical destas características máis importante de Galicia, segundo indicou a concelleira de Festas, Carme da Silva, durante a presentación con Marcos Rivas, encargado da organización da quinta edición deste evento que se celebra o sábado 13 de xuño na Illa das Esculturas.
Nesta ocasión, un dos aspectos máis novidosos e divertidos chegará da man da Asociación Zona Monumental, coa organización de carreiras con máis de 500 parrulos de goma pola canle do río Lérez. Será unha das actividades que se sumará aos vinte xogos distintos e tradicionais para nenos cos que comezará o festival ás 11.00 horas desa xornada.
Ao longo do día desenvolveranse varios concertos con Lost Acapulco, a agrupación mexicana que encabeza o cartel, que estará acompañado, entre outros artistas, por Guadalupe Plata; o humorista Wyoming & Los Insolventes, que actuarán arredor das 18.00 horas; Los Motores; Ángel Stanich; Sugar Mountain; GraveDolls, Julián Maeso e A Banda do Terror, un grupo que fai versións con moito sentido do humor, será o encargado de pechar esta cita musical.
A entrada a todas estas actuacións é libre pero a organización agradece as doazóns de produtos de hixiene persoal e de comida que irán destinadas á Rede Axuda. En 2014 alcanzáronse dúas toneladas e media destes produtos.
Na Illa das Esculturas instalaranse tamén carpas con produtos tradicionais e para o servizo de comidas, que xestionará unha empresa externa.
Relacionadas:
-
Suspendido o Surfing the Lérez ante a previsión de mal tempo; outubro, data máis probable
Por Redacción |
-
Cancelan a carreira de parrulos de goma do Surfing the Lérez ante as críticas polos danos ambientais
Por Redacción |
-
Wyoming & Los Insolventes, Los Motores e Guadalupe Plata, entre os participantes de Surfing the Lérez 2015
Por Redacción |