'Unha mirada, dous tempos. Pintores de Pontevedra II', nova exposición no Café Moderno ata o 11 de xullo
Pontevedra volve fixar a súa mirada nos seus pintores máis destacados. O Café Moderno acolle ata o próximo 11 de xullo a segunda edición da mostra Unha mirada, dous tempos. Pintores de Pontevedra. Con ela, Afundación e o Concello de Pontevedra ofrecen unha selección do "interesante" panorama artístico da cidade, "moi rico en propostas e lugares", segundo Paloma Vela, responsable de Artes Plásticas da fundación.
A exposición, comisariada por Ramón Rozas, reúne doce pintores nacidos na cidade do Lérez ao longo da década dos anos 50 ou ben residentes nela durante longos períodos de tempo: Olga Martínez, Miguel Pereira, Carmen Domínguez, Antón Sobral, Celso Varela, José Freixanes, Xavier Magalhaes, Dolores Gálvez, Teresa Brutcher, Rosa Úbeda, Lola Solla e Manuel Dimas.
"Volvemos a deixar xente fóra", recoñeceu Paloma Vela, porque "a arte de Pontevedra non contén nunha única exposición". Destacou que a exposición, nesta ocasión, pon o seu acento na importante presenza da muller "e non é algo forzado" ante as numerosas pintoras nacidas nesa época"; e na heteroxeneidade das propostas, con linguaxes "moi diferentes" entre si pero con certo sentido de unidade expositiva.
Cada un dos artistas presenta dúas das súas obras, unha dos seus primeiros anos e outra recente -hai polo menos tres pezas inéditas para esta exposición-. Trátase de crear un "xogo" co espectador, segundo explicou Ramón Rozas, de forma que poidan analizar a evolución técnica e artística dos pintores que participan nesta exposición, xa afianzada no panorama cultural pontevedrés.
"Tentar presentar toda a traxectoria dun artista a través de dúas obras é algo realmente complicado, porque iso deixa fóra moitas das súas vertentes", afirmou Rozas, que explicou que foron os propios artistas os que seleccionaron os cadros que se expoñen nesta mostra.
OBRADOIROS PARA ESCOLARES
Ademais, esta exposición complétase cun programa educativo didáctico que estará composto por dous obradoiros para escolares. Sorrisos e bágoas: a empatía traballará con alumnos de Infantil e primeiro ciclo de Primaria a identificación das emocións nos demais; e en Teatro de emocións, orientado ao segundo ciclo de Primaria, serán os artistas e a cidade de Pontevedra os protagonistas dos sentimentos aos que aluden os cadros.
Relacionadas:
-
Máis de mil miradas aos pintores máis emblemáticos de Pontevedra
Por Redacción |
-
Case 3.700 persoas visitaron 'Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló'
Por Redacción |
-
Os gravados de Dalí, Picasso e Miró chegan a Pontevedra
Por Mónica Patxot |
-
Máis de 3.600 persoas viron en Afundación de Pontevedra as mellores fotos da natureza
Por Redacción |