Treixadura celebrará os seus 25 anos sobre os escenarios cun concerto en Pontevedra o 11 de abril
Por Redacción
Abril será un mes con moito ritmo musical en Pontevedra. Ademais do concerto de Sés, anunciado hai xa uns días, a cidade poderá gozar de novo coa actuación da agrupación Treixadura. Celebrarán os seus 25 anos de traxectoria artística cun concerto que terá lugar no Pazo da Cultura o vindeiro 11 de abril, a partir das 21.00 horas.
O evento servirá para presentar o seu novo disco, Vendima tarda, que resume a súa extensa carreira e inclúe algunhas pezas inéditas. Para esta ocasión tan especial a formación contará coa participación da coral Cantigas e Agarimos.
Treixadura naceu en 1990 co obxectivo de poñer en valor a música tradicional a través do canto e da gaita. Durante todos estes anos, o grupo foi modelando o seu camiño e transformando o seu estilo, rescatando pezas musicais do anonimato e creando outras tantas novas. Son 25 anos de gravacións e concertos, seis discos no mercado e unha variada gama de colaboracións discográficas.
Treixadura foi galardoada nos primeiros Premios Galegos da Música, entregados en decembro de 2013 en Pontevedra, como Mellor Grupo de Música Tradicional Galega. En 2014 recibiron a homenaxe da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística polo seu traballo.
As entradas para este concerto, que teñen un prezo de 10 euros, xa están á venda en www.ataquilla.com e no teléfono 902 50 45 00. En ambos os dous recursos están tamén dispoñibles as entradas para o concerto de Sés, neste caso a un prezo de 15 euros.
Relacionadas:
-
Treixadura sopra as 25 candeas cun repaso pola súa traxectoria
Por Redacción |
-
24 de abril, Teatro Principal: Sés regresa a Pontevedra para presentar "Tronzar os valos", o seu terceiro disco
Por Alejandro Espiño |
-
O Teatro Principal de Pontevedra, nova parada da xira "Carta Blanca" de Quique González
Por Alejandro Espiño |