Domingos do Principal 2015, sete obras para crear público "crítico, fiel e educado" entre os máis novos
Por Alejandro Espiño
A programación cultural do Concello de Pontevedra para 2015 xa quenta motores. Empezará, como vén sendo habitual, cunha nova edición, a décimo sexta, do ciclo Domingos do Principal, que foi presentada este domingo durante a terceira xornada de Culturgal. Serán en total sete espectáculos, que se representarán no Teatro Principal de Pontevedra entre o 11 de xaneiro e o 1 de marzo.
O ciclo, que volverá estar supervisado por Teatro Akatro, mantén a súa filosofía de traballo: "crear de xeito continuado novos públicos para As artes escénicas", segundo destacou a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro. Ofrecerá teatro de autor, monicreques, clown, danza contemporánea ou montaxes multimedia, cos que se buscan educar, aos máis pequenos no amor polo teatro, "creando un público crítico, fiel e educado", indicou o seu coordinador, Xacobe González.
Serán todos eles espectáculos de "gran calidade" que poñerán sobre o escenario pontevedrés sete compañías de Galicia, Andalucía, Cataluña, País Vasco e Baleares e que "servirán como escaparate de todo o que se está facendo en todo o Estado" nesta materia.
Os espectáculos desta nova edición de Domingos do Principal son:
- 11 de xaneiro: La vuelta al mundo, por Gorakada Teatro.
Teatro de actor con monicreques e música en directo no que, ao igual que Phileas Fogg é retado a dar a volta ao mundo en 80 días, viviremos unha aventura que nos levará a viaxar en tren, en barco, en elefante... para poder gañar a aposta. Trátase dun espectáculo baseado no coñecido libro de Julio Verne e que está recomendado para nenos a partir de cinco anos.
- 18 de xaneiro: Malasombra, por Au Ments Dansa-Teatre.
Malasombra é un conto inspirado en A marabillosa historia de Peter Schlemihl de Adelbert von Chamisso, unha novela romántica onde a sombra é asimilada á alma ou ao dobre de si mesmo. Pero, que acontecería se esta sombra fose roubada? Ofrece danza contemporánea, videocreación, música en directo, teatro de obxectos e sombras experimentais. Está recomendado para nenos a partir de sete anos.
- 25 de xaneiro: Bailando sin zapatos, por LaSal Teatro
En Bailando sin zapatos coñeceremos a historia de alguén moi especial que un día se decata de que a súa amiga desaparecera; evaporárase coma se se tivese convertido en po e se tivese esfumado levada polo vento. Esta amiga era unha persoa moi ocupada: ela era a encargada do mundo. Para poder encontrala, vai seguindo as pistas que coñecía dela. Trátase de teatro de actor para nenos a partir de catro anos.
- 1 de febreiro: La gran A...ventura, por Marcel Gross
O clown catalán Marcel Gross celebra o seu 30 aniversario sobre os escenarios con esta función na que unha A maiúscula domina a escena, a partir da cal o protagonista emprenderá unha viaxe chea de divertidas aventuras. Recomendado a partir de tres anos.
- 8 de febreiro: 3, 2, 1..., por Teatro Ghazafellos
Un astronauta chega a un planeta descoñecido. Alí encóntrase cunha extraterrestre que tamén chegou de exploración. Despois do estraño encontro os dous cosmonautas comezan a convivir descubrindo sentimentos que xamais sospeitarían ter. Trátase dunha obra de teatro de autor, marionetas, mimo e música, chea de humor e tenrura e recomendada a partir dos cinco anos.
- 22 de febreiro: As fabas máxicas, por Caramuxo Teatro
Xan vive agora nun pequeno apartamento dun dos edificios máis altos de Nova York. Coidando das plantas da súa terraza, descobre algo sorprendente, que lle recorda unha asombrosa infancia chea de aventuras. Trátase dunha visión contemporánea do coñecido conto infantil, recomendada para nenos a partir de catro anos.
- 1 de marzo: Pulgarcito, por Teatro Paraíso
Unha nova versión do clásico de Perrault cun punto de vista contemporáneo. Segundo din, os contos inventáronse para durmir os nenos e espertar os adultos, pero e se os pais fosen nenos e os nenos adultos? Este é un espectáculo especialmente ideado para pais e fillos, Premio Nacional das Artes Escénicas 2012 e recomendado para nenos a partir de sete anos.
Domingos do Principal contará como sempre cun pase matinal e outro de tarde, ademais que sesións concertadas con centros escolares. As entradas para estas sete obras, así como o bono completo, poderán adquirirse a través de www.servinova.com a partir do próximo 15 de decembro.
Relacionadas:
-
Notable asistencia á primeira xornada de Domingos do Principal
Por Diego Torrado |
-
Preto de 175.000 persoas participaron no 2014 nas actividades de Pazo, Teatro Principal e Recinto Feiral
Por Redacción |
-
Domingos do Principal sube o pano con "La vuelta al mundo" de Gorakada Teatro
Por Redacción |
-
Agasalla teatro este Nadal: saen á venda as entradas para o ciclo Domingos do Principal
Por Redacción |
-
O Culturgal da "consolidación" bate récords: case 15.000 persoas en tres días e anuncia a súa volta no 2015
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Pontevedra, capital da cultura galega: Culturgal consolida o seu éxito na súa sétima edición
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Ciencia e ficción, xuntos nun Salón do Libro Infantil e Xuvenil que amplía a súa duración a un mes
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |