Premios PontevedraFerve 2014: os músicos pontevedreses crean os seus propios 'Grammy'
Por Alejandro Espiño
Os Grammy son os premios cos que, anualmente, a industria musical estadounidense recoñece os mellores traballos discográficos do ano. Seguindo ese exemplo, a escena musical pontevedresa contará a partir de agora cos seus propios premios. Trátase dos galardóns PontevedraFerve, que outorgará anualmente a asociación de músicos de Pontevedra para dar visibilidade aos grupos emerxentes da cidade.
Os premios entregaranse nunha gala que se celebrará o 3 de xaneiro no Teatro Principal, un evento, que segundo os seus organizadores pretende ser unha festa "que celebre e reflicta o futuro esperanzador" dos grupos locais.
Poden optar a estes premios todos os grupos e solistas de Pontevedra, sexan ou non membros da asociación. Pero só serán estes os que poidan propoñer aos candidatos e os que decidirán, entre o 15 e o 30 de outubro, os gañadores en cada unha das doce categorías. Todos eles recibirán unha estatuíña deseñada pola propia asociación.
Entregaranse galardóns á mellor canción, ao mellor disco ou maqueta, ao mellor deseño, ao mellor videoclip e ao mellor directo. Para optar ao premio nestas cinco categorías haberá que ter publicado un traballo no último ano. Ademais, haberá outras sete categorías por estilos: mellor grupo de rap, electrónica ou novas tendencias, mellor solista ou cantautor, mellor grupo de jazz, funk ou fusión, mellor grupo de pop e indie, mellor grupo de rock e mellor grupo de metal.
Unha vez recollidos os resultados, que non se desvelarán ata o día da gala, contactarase con todos os nominados. A idea é que, durante a gala, actúen xuntos todos os propostos en cada unha das categorías, como unha forma de "crear lazos" e escapar da "superficialidade" da mera competición, segundo destacaron na presentación dos premios os responsables da asociación de músicos de Pontevedra.
A gala, que contará con proxeccións, actuacións musicais e perfomance, será retransmitida vía redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram). Propoñerase o hashtag #premiospontevedraferve para poder seguir o evento e comentalo en directo.
Relacionadas:
-
Os músicos pontevedreses entregan os seus premios este sábado no Teatro Principal
Por Redacción |
-
Dismal, premio honorífico na primeira edición dos galardóns PontevedraFerve
Por Redacción |
-
Vortex, Skirl, Jhonander, Malkeda e Thee Blind Crows, principais nomeados aos premios PontevedraFerve
Por Alejandro Espiño |
-
A 'rockipedia' e un canal de Youtube: a escena musical de Pontevedra, á conquista da rede
Por Alejandro Espiño |
-
A música 'made in Pontevedra', orgullosa do éxito da nova edición do ciclo 15 Bolos
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |