Martin Pawley, Manuel Precedo e Analía G. Alonso integrarán o xurado do vindeiro FIC de Bueu
Por Redacción
O xurado profesional da sétima edición do Festival Internacional de Curtametraxes (FIC) de Bueu 2014, que se celebrará entre o 8 e o 13 de setembro, estará integrado polos especialistas no eido cinematográfico Martin Pawley, Manuel Precedo e Analía G. Alonso.
O crítico Martin Pawley colabora en publicacións coma Tempos Novos, Caimán Cuadernos de Cine, Cahiers du Cinema España, A Cuarta Parede ou Miradas de Cine e programa distintos ciclos de cinema, entre eles unha das seccións de Cineuropa. Manuel Precedo é o autor dos documentais Tempos de espera e Illa de loito, na actualidade preside a Federación de Cineclubes de Galicia e ten realizado spots, videoclips ou programas de radio sobre cine. Analía G. Alonso é docente e tamén está especializada en produción e desenvolvemento de proxectos.
A organización deu a coñecer a súa imaxe renovada, que xa se pode ver na súa web oficial e que combina o carácter mariñeiro e cinéfilo da vila. As cores dominantes da cartelería e tipografía son o azul do mar e o amarelo da area, en contraste co encarnado dunha alfombra vermella que se adentra na auga.
A Concellería de Cultura presentará nas próximas semanas a programación do Festival, ao que este ano concorreron 932 curtametraxes de 80 países, batindo todos os récords de participación. A organización anunciou o 20 de xuño as obras seleccionadas para proxectar no Centro Social do Mar, en sesión dobre. Os asistentes decidirán o galardón do público, mentres que o xurado profesional escollerá as producións merecedoras do primeiro e o segundo posto e mais do premio á mellor curta galega, alén dos diplomas artísticos e técnicos.