A música alternativa darase cita no Raxonita Music Festival
Por Redacción
A música alternativa darase cita en Poio entre os días 10 e 13 de agosto. A partir das 23.00 horas haberá un concerto diario no porto de Raxó, no que confluirán estilos tan distintos como o rock bravú, o jazz, a música de cine e o rock dos anos 70's baixo o teito dun mesmo festival.
O Raxonita Musical Festival celebra a súa primeira edición con vocación de continuidade e de converterse ano a ano nunha das citas musicais imprescindibles do verán e escenario de proxección para grupos novos, segundo explicou Andrés Ruano, presidente da Asociación de Hoteleiros de Raxó, colectivo organizador do evento.
O festival abrirao o domingo 10 de agosto o grupo Champurrada de rock bravú. O luns 11 de agosto a oferta será de música de jazz da man de Virxilio Dasilva Cuarteto e o martes día 12 a solista residente en Poio Doce Vita interpretará sons de cine. O mércores 13 o festival pecharao Foxy Freire, un grupo do que tamén forma parte Virxilio Dasilva e que ofrecerá un concerto de rock dos anos 70's.
Este festival de música alternativa nace co obxectivo de "facer algo de música diferente" e organizouse nestas datas para facelo coincidir coa celebración da feira de artesanía e gastronomía Chalana no mesmo porto de Raxó e, desta forma, ofrecer ao visitante unha oferta de ocio completa, segundo explicou a concelleira de Cultura de Poio, Silvia Díaz.