Carabás ofrece concertos tributo a Sabina e á música dos 80 para atraer novos públicos
Por Redacción
Unha nova xerencia facíase cargo da discoteca Carabás en decembro coa intención de ofrecer unha nova imaxe deste local de ocio habitual da noite pontevedresa dende hai 24 anos. Pablo Oro, o novo xerente presentaba no mediodía deste mércores 11 de xuño a programación para os venres 13 e 27 que considera dous concertos tributo co obxectivo de atraer novo público e fomentar a segunda hora da noite coa programación de máis eventos.
Desta forma, a cantante Diana Tarín ofrecerá un concerto tributo ás mulleres das décadas dos 80 e dos 90 o próximo 13 de xuño con temas de Diana Ross ou Whitney Houston mentres que Sabina&Cía interpretará algúns dos temas máis coñecidos do autor andaluz,Joaquín Sabina, durante a noite do 27.
Segundo indicaba Pablo Oro, "Pontevedra a diferencia de otras ciudades es muy receptiva a este tipo de iniciativas" e avanzou que se funcionan ben terán continuidade a partir do mes de setembro nun espazo que agora conta con varios ambientes para atender as distintas demandas do público que acode ao local.
O responsable da discoteca apuntaba que se renovou e se aumentou o plantel de traballadores do local, agora cunha media de idade de 24 anos, coa presenza de catro relacións públicas, oito camareiros e un novo equipo de seguridade "que era uno de los problemas que antes tenía Carabás", comentou Pablo Oro.