As pezas da Pontevedra histórica fanse un oco nas rúas
Por Redacción
Unha maqueta do desaparecido castelo arcebispal de Pontevedra ás portas do actual Concello de Pontevedra suscitaba o interese de numerosos paseantes, que solicitaban información sobre esta construción arquitectónica. Esta proposta inclúese no proxecto que se desenvolve con motivo do Día internacional dos Museos 2014, que se celebra arredor deste domingo 18 de maio, coa organización dunhas xornadas de portas abertas no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA).
O concelleiro de Patrimonio, Luis Bará, apuntaba que moitos cidadáns de Pontevedra se mostran sorprendidos ante a maqueta do castelo arcebispal, que foi o edificio máis alto da cidade e se encontraba no paseo de Santa María. Durante esta semana e a próxima, preto de catrocentos escolares visitarán o CITA.
Ademais este xoves 15 ao o venres 16, algunha peza de cerámica ou algunha moeda exhibirase na Praza de España como anticipo das visitas que se poderán realizar, de xeito gratuíto, logo de inscrición no teléfono 986 090 677, ao CITA limitadas a un número máximo de 25 participantes por sesión.
Están previstas tamén visitas guiadas nocturnas ás Torres Arcebispais, á muralla medieval e ao espazo arqueolóxico de Santa María durante o sábado 17 de maio a partir das 22.00 horas. Durante o domingo 18, os asistentes ás visitas das 19.00 e as 20.00 horas poderán ver o espectáculo 'Pasen e vexan' da compañía de danza Maldita Danza.