O Teatro Principal acolle este venres a presentación da curtametraxe 'Idiotas', do pontevedrés Fran Estévez
Por Diego Espiño
Idiotas, o novo traballo audiovisual do pontevedrés Fran Estévez, estréase este venres (20:00 horas) no Teatro Principal da cidade de Lérez.
Trátase dunha curtametraxe, apta para todos os públicos, protagonizada por Manuel Rey e coa colaboración, poñendo voz a un personaxe, do actor Tacho González, que dá vida a Lúa.
Rodado en Santiago de Compostela pero cun equipo con moita presenza pontevedresa, Idiotas é, segundo o seu director, "una historia de optimismo y esperanza".
Os seus protagonistas, un rapaz con discapacidade chamado Manuel e a súa mascota Lúa, recollen globos caídos do ceo con mensaxes negativas, escoitándoos e facendo o posible "para que la gente deje de sufrir".
Fran Estévez asegura que se trata dun curto que busca "demostrar que las personas con discapacidad pueden aportar muchas cosas, es el mensaje que queremos transmitir".
A produción, "corta pero compleja", non contou con ningunha axuda pública e, segundo explicou o seu autor, recorreu ao crowfunding ou micromecenado para poder lograr o financiamento necesario.