A reforma pendente no Froebel non implicará reordenar o alumnado en módulos móbiles
Ata o colexio Froebel desprazouse este sábado o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, para presentar o proxecto de reforma do centro, no que se van a investir 1,1 millóns de euros. As obras comenzarán durante o próximo verán.
"Estamos a falar dunha intervención moi agardada pola comunidade educativa, que vai redundar no benestar dos docentes e alumnos do centro", destacou Rodríguez.
O conselleiro quixo mandar unha "mensaxe de tranquilidade" á comunidade educativa do centro e explicou que a prioridade será facer as obras na zona das aulas durante os meses de verán, de tal forma que non faría falta reordenar ao alumnado en módulos móbiles.
A intención do goberno galego é que esta reforma "interfira o mínimo posible" na normalidade da actividade lectiva deste colexio.
As obras, que teñen un prazo de execución de seis meses, inclúe a renovación das cubertas que aínda non foron mudadas, cunha superficie total de case 1.500 metros cadrados.
Este cambio completarase co reforzo estrutural das cerchas e a renovación dos correspondentes canlóns e baixantes. Incorporarase, ademais, illamento térmico nas novas cubertas, de xeito que se reduzan as perdas de calor e colocarase un pararraios.
Tamén está prevista a colocación de trasdosado de xeso interiores en fachadas exteriores para incrementar o illamento térmico e melloraranse os acabados interiores, co cambio de falsos teitos, alicatados, luminarias e portas, tanto en zonas comúns como en aulas.
No que atinxe aos aseos, acometerase a remodelación dos situados na torre central.
A maiores, renovaranse as instalacións de electricidade, fontanería, calefacción e protección contra incendios en toda a área de actuación desta terceira fase, ademais de repoñerse as fiestras do patio interior.
O titular de Educación indicou que esta actuación está próxima á súa adxudicación.
Relacionadas:
-
Educación ampliará a escola infantil Crespo Rivas con 245 metros cadrados máis
Por Alejandro Espiño |
-
Catro empresas optan á rehabilitación integral do colexio Froebel
Por Redacción |
-
Licitada a terceira fase das obras de rehabilitación do CEIP Froebel
Por Redacción |
-
Ás protestas do Froebel polo tellado súmanse as do colexio Barcelos polo ximnasio
Por Oskar Viéitez |
-
Novo 'Mércores Negro' no CEIP Froebel para esixir á Xunta confirmación por escrito da execución da reforma en 2024
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A reforma do colexio Froebel, segundo Educación, comezará este mesmo ano
Por Redacción |